Toman un licor ás portas do local que acababan de asaltar en Ourense
A nai do dono do bar foi quen avisou a policía, alertada polo barullo que había dentro
Os axentes detiveron un dos ladróns agochado entre os coches, pero o outro escapou
Un día despois do asalto, aínda quedan cousas por reparar na cafetería Vivián de Ourense. Os ladróns, dous segundo captaron as cámaras do local, forzaron unha porta lateral e intentaron levar varios aparellos, incluído o televisor, pero non o conseguiron.
Óscar Álvarez Naveiro, dono do local: "Non tiñan nin nivel de ladróns. Tiraron a máquina de tabaco e rebentárona por dentro, intentaron tirar a televisión que dá para fóra e estragaron o enganche, a táboa de mesturas, o terminal de lotaría, que non sei para que o querían...".
Finalmente, marcharon coas propinas e o cambio que había na máquina rexistradora. Tamén colleron mercadoría, comida e bebida e aínda tiveron tempo de tomar un licor ás portas do local.
"Botellas de licor, de whisky, donuts, palmeiras... Todo quedou aí fóra tirado. Eu entendo que un foi buscar un vehículo, porque senón, non ten sentido que outro quedara fóra tomando licor", explica Óscar.
Foi a nai do dono, que vive na zona, a que avisou a Policía ao escoitar o barullo que estaban armando. É a cuarta vez en catro anos que lles entran no local.
"A miña nai saíu pola ventá porque escoitou ruído, debeulles caer unha máquina. Fan estragos, sobre todo a cristaleira lateral, e non atopan nada, porque cartos non hai. Só fan dano, pero é o que hai", lamenta o dono do local.
A un dos asaltantes colleuno a policía na mesma rúa, agochado entre os coches. O outro ándano buscando.