Asaltan tres bares nun día en Malpica
O botín foi escaso, pero causaron cuantiosos danos materiais
Tres locais de hostalería, asaltados en apenas 24 horas. Non é un balance nada habitual nun concello tranquilo como o de Malpica.
O primeiro asalto foi no bar Arcos, que leva aberto un mes. Os ladróns emprendérona co pecho da persiana metálica, á que lle romperon o sistema automático para abrila. Non puideron entrar pola alarma e a presteza coa que acudiu o dono. O hostaleiro ten conectado o aviso ao seu teléfono móbil, e nuns minutos xa estaba no seu local, a tempo para ver dúas figuras escuras que fuxían. Unha era alta e delgada e a outra máis baixa e forte, aos que esperaban nun coche en marcha a poucos metros.
Nos outros dous os botíns foron practicamente insignificantes, xa que os donos, desconfiados por outras experiencias, non deixan cartos nos negocios. Malia todo, hai danos nas fechaduras e fiestras que romperon para entrar.
En Casa Antonio foi un escaso botín o que os ladróns levaron. Cinco ou seis euros da caixa, que tiñan en moedas. Con todo, os ladróns si que causaron un dano material importante, xa que forzaron a porta da cociña para entrar e, agora, terán que substituíla.
De semellante xeito actuaron no restaurante O Buraco, que está a carón do porto e no medio e medio da vila. Outra presa de moedas que pouco máis lles dará que para unhas cervexas. Ao parecer entraron por unha fiestra, que forzaron, polo que contan que os gastos para repoñela van ser moito máis elevados do que levaron os ladróns.