Publicador de contidos
Publicador de contidos

As xornadas Son de Monte abordan os distintos modelos de aproveitamento do territorio no rural

As xornadas Son de Monte abordan os distintos modelos de aproveitamento do territorio no rural

En Penamá dedican 300 hectáreas á cría de gando da raza limiá en extensivo e ecolóxico e outras 600 ao aproveitamento forestal 

Agora traballan na posta en valor dunha parcela de bidueiros

As xornadas seguen este venres en Celanova con conferencias e unha visita ao Couto Mixto

G24.gal 13/10/2022 21:33

En  Penamá, no concello de Allariz, levan máis de vinte anos dándolle un uso diferente ao monte comunal.  Dedican 300 hectáreas á cría de gando da raza limiá en extensivo e ecolóxico e outras 600 ao aproveitamento forestal. Agora traballan na posta en valor dunha parcela de bidueiros, estudan cal é o mellor xeito de aproveitar a madeira retirada nos traballos silvícolas.

"O propio gando vai xestionando dentro dos peches o mato que hai nesas zonas, e esta é unha zona susceptible de poder meter gando tamén, o cal axudará ao control de rebrote na propia especie e o material que hai por baixo", explica Xaime Iglesias, Técnico forestal.

Tamén noutros puntos de Galicia buscan a mellor maneira de xestionar os nosos montes. En cada un dos lugares que hoxe están presentes desenvolveuse unha iniciativa pioneira e experimental. Non só no interior de Ourense, senón tamén na montaña de Lugo, a área periurbana da Coruña ou o Baixo Miño.

"Trátase de aproveitar o monte para limpalo e botar centeo, o que nós chamamos pan, porque era o que utilizabamos tanto para comer como para darllo ao gando, como sobre todo para teitar as pallozas", conta Isolina Rodríguez, da asociación Teitos de Piornedo.

E din que moitas veces o mellor xeito de facer as cousas é como sempre se fixeron.

"Pois faise mirando para atrás, mirando o pasado, mirando o que hai moitos séculos era o xeito de aproveitar ese monte e os vestixios que alí nos deixaron, para coller pistas de como debemos facelo agora neste mundo tan cambiante de novas transicións", di Jorge Blanco, do GDR Mariñas-Betanzos.

E lembran que o monte é un lugar cheo de oportunidades

"Hai moito máis ca piñeiro e moito máis ca eucalipto detrás da palabra monte, e iso foi sempre así historicamente en Galicia. Queremos que volva ser, que a xente volva ver o monte como algo positivo e como un monte de oportunidades", apunta Eva González, Coordinadora do GDR Limia-Arnoia.

As xornadas seguen este venres en Celanova con conferencias e unha visita ao Couto Mixto.

 
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade