As verteduras en Neda arruinan a campaña de Nadal na ría de Ferrol
As verteduras disparan os niveis de e.coli, polo que a ameixa non volverá da depuradora para o Nadal
O Concello, á espera dun informe de Augas de Galicia para incorporarse á canalización norte-sur da ría
Chove sobre mollado.
"O tubo que baixa pola rede do sumidoiro do río Basteiro levantou a tapa e estaba vertendo augas fecais e pluviais ao río", explica Jorge López, patrón maior da Confraría de Mariscadores de Barallobre.
"Cando chove un pouco forte, no sumidoiro que hai diante da miña casa a auga sae toda para o río e nesta beira da ponte hai un furado na condución. O sumidoiro rompe con frecuencia", confirma Carlos García, un veciño que vive ao pé do río.
A rede de sumidoiros de Neda non aguanta. Está vella. Cada vez que chove con algo de forza, hai roturas e verteduras. Non fan falta analíticas. Vese a simple vista.
"A auga está ás veces toda chea de graxa, o fondo do río, agora non que choveu e levouno a auga, pero vese todo vermello", engade García.
E do río dereito ao mar, á principal zona de marisqueo da ría de Ferrol, con niveis de e.coli moi altos.
"Hai puntos que dá cinco veces por riba de e.coli, que é moitísimo e iso é porque as infraestruturas son vellas e están agretadas. Hai unha depuradora que é obsoleta, e hai cousa dun mes estivo estragada e tiveron un xerador que supostamente paraba polas noites, de maneira que ía todo para o mar", lamenta o patrón maior de Barallobre.
Un golpe duro en plena campaña de Nadal, que agrava a crise do sector. Este ano será difícil ver ameixa de Ferrol durante as festas.
"Tanto o marisqueo a pé coma o marisqueo a flote, traballamos na zona de Neda, unha zona que temos clasificada coma C por todos estes problemas e dende o 10 de decembro non podemos ir mariscar alí porque o marisco ten que ir a unha batea para depurar, tardaría moito en vir e xa se vendería en xaneiro", sinala Jorge López.
Tras máis dunha década de queixas, valoran denunciar o Concello. O Concello recoñece o problema e asegura que están á espera dun estudo de Augas de Galicia para a incorporación á canalización norte-sur da ría e poder afrontar as obras canto antes.