As vacacións do verán levan a unha alta ocupación do AVE entre Madrid e Ourense
Este domingo a maioría das 14 frecuencias de ida e volta entre as dúas cidades quedaron sen prazas libres
Durante a semana mantense unha elevada afluencia de viaxeiros con moitos trens completos
Ourense benefíciase de ser a porta de entrada da alta velocidade ferroviaria en Galicia con incidencia tamén no resto de cidades galegas. Co verán, as vendas tanto nos despachos físicos coma nos electrónicos de Renfe, a única operadora que polo momento ofrece o traxecto AVE entre Madrid e Ourense, colgan o cartel de completo na maioría dos trens de ida e volta entre as dúas cidades.
A situación, que levou a que nas últimas horas só estiveran dispoñibles prazas nun dos sete trens directos que cruzaron a meseta, tamén supón que os prezos se incrementen. O billete máis económico superaba os 109 euros.
Os prezos oscilan xa que a operadora, como fan as compañías aéreas, estableceu os cálculos mediante un algoritmo polo que ante unha maior demanda os prezos son máis caros.
A afluencia de viaxeiros notouse durante este domingo na estación de Ourense, destino final para algúns e de conexión para continuar a viaxe a outros destinos en Galicia para outros.
Ocupación elevada durante a semana
As vacacións do verán están a supoñer un forte impulso para as viaxes en tren desde Madrid, unha viaxe que supón nos servizos máis rápidos do AVE pouco máis de dúas horas.
Na páxina web pódese comprobar que esta semana Renfe xa ten completas polo menos catro das frecuencias cada xornada, malia seren laborables. Este luns xa é bastante complicado lograr algunha praza. Seis dos Alvia estaban completos desde Madrid a Ourense e só quedan prazas en dous Alvia ás 8 :00 da mañá e no das 17:45, e en dous AVE ás 10:00 horas e ás 20:35.
E só se podían adquirir billetes desde 73 euros no caso máis económico ata os 116 euros no máis caro.
No traxecto inverso de Galicia a Madrid tamén é moi elevada a ocupación e só quedaban butacas baleiras en dous dos dez convois que circularán.
Os prezos, desde os 122 euros pasando polos 136 ou os 140 ata os 155 euros. Quedan excepcións como a do próximo martes ou o mércores onde aínda hai billetes a 29 euros o traxecto, nalgún dos convois.
Durante a semana xa son varias as frecuencias completas nos dous sentidos e o próximo domingo só quedaban prazas en tres frecuencias.
