Publicador de contidos

Publicador de contidos

As tres universidades galegas compartirán 13 titulacións con catro institucións arxentinas

As tres universidades galegas compartirán 13 titulacións con catro institucións arxentinas

O obxectivo é conseguir que os alumnos poidan ter un título dobre de grao que os habilite para traballar tanto na Unión Europea coma en América Latina

Está previsto que comecen a funcionar en febreiro de 2026

G24.gal 27/09/2025 13:12 Última actualización 27/09/2025 13:32

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou este sábado a posta en marcha das primeiras 13 titulacións universitarias compartidas entre as tres universidades galegas e as catro arxentinas de referencia. Nunha reunión na Cidade da Cultura compostelá coas autoridades universitarias arxentinas, Rodríguez presentou estes programas de doutoramento. O conselleiro anunciou, ademais, que a Xunta está a estudar a posta en marcha dunha liña de apoio económico para contribuír tanto á matrícula gratuíta do alumnado de intercambio coma ao financiamento de parte das estadías que teñan que realizar no país de destino.

"É o primeiro froito do ambicioso acordo impulsado pola Xunta e asinado en novembro do ano pasado para a internacionalización do sistema universitario de Galicia da man da Arxentina, país co que hai "vínculos históricos que facilitan este intercambio", dixo o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

"O acordo é unha oportunidade única para unir forzas a favor da mellor formación do alumnado e de compartir o talento de ambas as beiras do Atlántico", remarcou e sinalou que se poderían introducir novas titulacións e estender estas colaboracións a máis países.

O obxectivo final é conseguir que os alumnos poidan ter un título de grao dobre que os habilite para desenvolver o seu labor profesional tanto na Unión Europea coma en América Latina, indicou. Na reunión participaron os reitores da Universidade de Santiago, Antonio López, e da de Vigo, Manuel Reigosa, mentres que por parte arxentina participaron, entre outros, o reitor emérito da Universidade Nacional de Tres de Febrero, Aníbal Alfredo Emilio Yazbeck e a responsable de relacións internacionais da Comisión Nacional de Avaliación e Acreditación Universitaria (CONEAU), Sofía Farizano.

Primeiro os doutoramentos, despois as titulacións de grao

Os 13 primeiros programas de doutoramento compartidos impartiranse entre as universidades de Santiago, Vigo e A Coruña e as arxentinas Nacional de la Pata, Tres de Febrero, Lomas de Zamora e San Martín. Decidiuse empezar polos programas de doutoramento por ser un proceso máis breve, aínda que o obxectivo é avanzar de forma progresiva cara ás titulacións de grao con validez en ambos os países, segundo o conselleiro.

Os programas de doutoramento serán en Ciencias de Materiais, Investigación Básica e Aplicada en Ciencias Veterinarias, Economía e Empresa, Ciencia e Tecnoloxía Química, Física Nuclear e de Partículas, Ciencias da Educación, Computación, Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, Ciencias da Educación e o Comportamento, Comunicación, Nanociencia e Biomedicina e Enxeñería Química.

Está previsto que comecen a funcionar en febreiro de 2026 e establecerase nos próximos meses unha cota de prazas para que o alumnado galego se desprace á Arxentina e viceversa.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade