A Facultade de Farmacia da USC, recoñecida como a mellor de España no Ranking de Shanghai
A clasificación sitúa o centro no posto 45 a nivel mundial
A USC destaca tamén en áreas científicas e de enxeñaría
A Universidade de Santiago de Compostela celebrou este martes o recoñecemento da Facultade de Farmacia como a mellor de España e a número 45 do mundo na edición 2025 do Ranking de Shanghai por materias.
Segundo informou a institución, a clasificación sitúa tamén a USC no tramo 151-200 en Ciencias Ambientais e Enxeñaría, Ciencias dos Alimentos e Tecnoloxía, Veterinaria, Odontoloxía, Ciencias Atmosféricas, Biotecnoloxía, Estatística e Ciencias Agrícolas.
Os criterios do Ranking de Shanghai
A universidade lembrou que a clasificación se basea en diversos indicadores, como a presenza de profesorado con premios internacionais, persoal investigador altamente citado, participación en consellos de edición de publicacións académicas e liderado en organizacións científicas.
Esta clasificación avalía ademais a produción científica, a calidade e o impacto da investigación e as colaboracións internacionais na elaboración de artigos.