As treboadas deixaron este martes máis de 2.300 raios no interior da provincia da Coruña
En Monfero caeron 35 litros por metro cadrado de auga
Houbo complicacións nalgúns treitos das estradas e tamén algúns baixos inundados
Galicia viviu este martes outra tarde de treboadas, especialmente no interior da provincia da Coruña. A metade concentráronse en dúas horas, entre as seis e as oito da tarde.
O aparello eléctrico acompañado de fortes precipitacións e, nalgúns puntos, saraiba afectou especialmente ao sur da provincia da Coruña, nas comarcas de Arzúa e Santiago.
Pouco antes das seis da tarde caía esta tromba de auga en Santiago, que veu acompañada por forte pedrazo escurecendo o ceo coma se quedase pouco para anoitecer.
Caeron en dez minutos sete litros por metro cadrado complicando nalgúns treitos a circulación nas estradas e algunhas inundacións en baixos e garaxes. Na rúa aos peóns non lles quedou outra que poñerse a cuberto e algúns co susto no corpo.
Noi foi a única localidade que sufriu estas treboadas, Lalín recolleu máis de 20 litros por metro cadrado e cunha chuvia que tamén caeu con moita forza. O mesmo aconteceu en Monfero, onde se recolleron uns 35 litros por metro cadrado.
Os raios e lóstregos foron habituais nestas treboadas e o dato xeral sinala que en Galicia caeron case 2.500 raios durante esta xornada.