Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un lóstrego tira a cruz do campanario dunha igrexa de Pontedeva

Un lóstrego tira a cruz do campanario dunha igrexa de Pontedeva

Impactou no templo de estilo barroco da parroquia de San Paio de Trado

As pedras estragaron varias sepulturas e tamén danaron a vivenda lindeira

G24.gal 12/07/2026 10:13 Última actualización 12/07/2026 14:08

A tronada sobresaltou na tarde deste sábado a poboación de San Paio de Trado, no concello de Pontedeva. 

"Pegaron dous estalidos que foi de medo. A muller case se me desmaia na cociña", relata un veciño.

"Un rapaz que estaba nunha casa enfronte viu o raio e o impacto na torre como se estivese en primeira fila. E o veciño máis próximo comentoume que estaba durmindo e que saltou no aire, escoitou un ruído e coa descarga que lle deu, saltou no aire", asegura outro.

Un lóstrego impactou no campanario da igrexa de estilo barroco do século XVIII e derrubou a parte superior. As pedras caeron na contorna do templo, estragaron varias sepulturas e tamén danaron a vivenda lindeira.

"Ao chegar había un montón de veciños mirando. Caeu no tellado, rompeu a cruz, que pensamos que fora o campanario. Só foi a cruz e o arco da cruz".

"A treboada empezou ás catro da tarde e despois, sobre as cinco e media, oíuse un grande estrondo, debeu dar contra as campás e saíu directamente a fumeira para arriba e foi cando caeu".

Non houbo que lamentar danos persoais porque, aínda que a misa dos sábados adoitaba ser ás 18:00 horas, esta tempada atrasárona ata as 20:00. E onte, despois de comprobar os estragos, celebraron a misa como estaba previsto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade