Publicador de contidos

Publicador de contidos

Interior blinda Madrid para impedir a tractorada deste sábado

Interior blinda Madrid para impedir a tractorada deste sábado

20 detidos e case 8.000 sancións nas protestas

A Garda Civil corta o paso a un grupo de tractoristas en Oroso

Antón Montero 09/02/2024 19:55 Última actualización 10/02/2024 09:38

Ás portas de San Mamés, a pitada deste venres non tiña que ver co fútbol. Os agricultores levaron polo centro de Bilbao a súa protesta contra a competencia desleal dos produtos importados, os baixos prezos e o exceso de burocracia que lles impón Bruxelas.

"Porque soben os prezos, póñennos trabas para todo, porque agora sae unha lei de non sei que e non podemos seguir coas cousas como faciamos antes", contaba unha agricultora.

En Oviedo, os agricultores levantaron tras 30 horas o bloqueo da cidade tras chegar a un acordo co Goberno do Principado.

Pero por Toledo ou Zamora segue o desfile de tractores pola zona urbana. Os condutores que circulaban por Calahora víronse atrapados nun dos moitos atascos intencionados.

Na capital rioxana, unha trintena de agricultores concentrouse ás portas do xulgado onde un deles foi hoxe imputado por atropelar varios policías.

Durante todo o día, sucedéronse os cortes de tráfico esporádicos en autovías da Comunidade Valenciana, Estremadura, Andalucía e en varias estradas de Castela-A Mancha.

"Denunciamos que se lexisla moito desde os despachos e coñécese moi pouco do que hai na terra", queixábase un dos manifestantes.

A plataforma 6F, principal convocadora, chamou a concentrarse diante das delegacións do Goberno, pero con pouco éxito: en Valencia xuntáronse un cento, pero en Madrid non foi ninguén.

Con todo, manteñen o chamamento a entrar desde esta medianoite na capital de España para cercar a sede do PSOE. O Goberno vai despregar cincocentos antidisturbios ante unha protesta non autorizada.

Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior, aseguraba que "non me consta ningunha comunicación de concentración algunha no centro de Madrid e, en concreto, en Ferraz".

Interior informou da detención ata agora de 20 persoas en distintos incidentes e case 8.000 sancións por cortes de tráfico. Tamén está detido un condutor que intentou romper pola forza un destes bloqueos.

No Ministerio de Agricultura piden que os agricultores manteñan a calma.

"Se alguén pretende manipular ou utilizar de forma violenta a agricultores e gandeiros eu creo que non o merecen. Porque os agricultores e gandeiros o que queren é simplemente chamar á atención sobre os seus problemas", asegurou o ministro de Agricultura, Luís Planas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade