As propinas, cada vez menos frecuentes
A popularización do pago con tarxeta, un dos grandes motivos da caída das propinas
Coa dixitalización e o avance da tecnoloxía tamén se fixeron máis comúns outras formas de deixar propina, como o Bizum ou a opción que inclúen algúns datáfonos de sumar un certo importe á contía total
A propina é un feito que xa está asentado, e que de feito é obrigatorio en países como os Estados Unidos, pero que pasaría se se puxera en marcha esta norma en España?
"Se fose obrigatorio coma nos Estados Unidos, Inglaterra ou no resto de Europa, a xente deixaría de vir tanto ao bar", asegura Walter Rojas, hostaleiro.
"Non me parecería ben. Entón xa non sería propina, sería unha obriga", comenta unha clienta.
"Unha cousa é que ti lle deixes algo a maiores polo bo desempeño do traballo, e outra é que a eles lle paguen de menos e ti compenses o soldo coa túa propina. Eu creo que aquí iríamos á guerra", opina outro cliente.
Carecen de obrigatoriedade e, de hai uns anos para aquí, tamén se aprecia unha pequena caída no número de veces que os locais as reciben. Un dos grandes motivos: a popularización do pago con tarxeta.
"Coa proliferación do pago con tarxeta si que baixou o tema das propinas", afirma Óscar Blanco, hostaleiro.
"Isto é porque ao pagar con tarxeta ou con app, o que pagas é a cantidade que che marcan no local", comenta un cliente.
Segundo comentan os traballadores da hostelería, o xesto de deixar unhas moedas como mostra de agradecemento ou de resaltar o bo facer dos traballadores vai cada vez a menos, pero agora existen tamén outras opcións para deixar estas propinas.
"A xente, á parte de pagar co Bizum, tamén deixa a propina co Bizum", asegura Walter Rojas.
"Algunha vez, á hora de pagar con tarxeta, danme opción de deixar propina ou redondear", conta unha clienta.
Pero moitos non están a favor de deixar a propina coa propia tarxeta, pois consideran que, deste xeito, é máis complicado que chegue aos traballadores.
"Tamén pasa cos deliveries. A través da aplicación non me gusta dar a propina, sempre lla dou en man ao repartidor porque sinto que se non é máis difícil que chegue a eles", afirma unha clienta.