As peixerías poderán servir no local produto fresco e xa cociñado
Un decreto-lei permítelles competir con grandes superficies e restaurantes
Dende o 2008 desapareceu o 30 % das peixerías tradicionais
A imaxe das peixerías está a cambiar por mor dun real decreto que lles permite facer preparados en cru, elaboracións propias e mesmo ofrecer degustacións. Unha vella reclamación que agora lles permite competir en igualdade de condicións con grandes superficies ou restaurantes. Chema Iglesias, de La pescadería de mi barrio, no mercado de Teis, salienta que "noutras zonas de España é totalmente normal ter bocarte en vinagreta no mostrador. En Galicia estabamos en clara desvantaxe, faltábanos unha regulamentación para poder facelo ben".
O peixe fresco de primeira calidade poderá venderse agora en espeto con verduras, ou en forma de albóndegas e hamburguesas. Iso si, a lei establece que as comidas preparadas deberán ter unha área separada da zona de vendas para evitar a contaminación cruzada.
Chema Iglesias aclara que "hai que ter un espazo diferenciado, non se pode mesturar produto fresco e elaborado. Por exemplo, unha pescada que está enteira non se pode mesturar cun espeto ou cun salmón mariñado".
Unha medida que dá osíxeno a un sector que dende o 2008 perdeu o 30 % dos establecementos e pediu infrutuosamente a rebaixa do IVE que concedeu o Goberno a froitas, verduras ou leite. Poderán así evolucionar e adaptarse aos novos gustos dos consumidores.