Publicador de contidos

Publicador de contidos

As organizacións de consumidores, en alerta pola suba de prezo de ovos e polo

As organizacións de consumidores, en alerta pola suba de prezo de ovos e polo

Reclaman medidas como a baixada do IVE para compensar o incremento ou axudas directas ás familias máis vulnerables

Europa Press Europa Press
G24.gal 10/11/2025 19:16

Tras a suba do prezo dos ovos, o alimento básico que máis encareceu no que vai de ano, as organizacións de consumidores reclaman medidas para paliar o impacto desta alza, entre elas proporcionar axudas ás familias máis vulnerables ou baixar o IVE a este alimento e á carne de polo.

Nun contexto en que a gripe aviaria obriga a reforzar as medidas para evitar a súa propagación en granxas avícolas, co confinamento de aves de curral en case 1.200 municipios españois, o portavoz da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), Enrique García, insistiu na necesidade de investigar estas subidas.

Trátase dun alimento cun "forte compoñente" para a dieta da familias con maior situación de vulnerabilidade, para as que solicitou axudas directas. García lembrou que a súa organización xa denunciara unha subida dun euro en seis meses no prezo ao consumo, tras dous picos dos prezos en orixe en febreiro e outubro "cuxa baixada non se produciu á mesma velocidade".

Preguntado pola posibilidade de solicitar a baixada do IVE destes alimentos, actualmente gravados ao 4 %, no caso do ovo ,e do 10 % no caso da carne de polo, recoñeceu que a OCU "sempre mirou de forma positiva" a rebaixa do IVE nos alimentos básicos.

Xa durante a crise inflacionista, en xaneiro de 2023, o Goberno eliminou o IVE dos produtos básicos para paliar o impacto nas familias, unha medida que se foi prorrogando durante dous anos.

Nesta liña móvese a petición da Asociación Española de Consumidores que, a través dun comunicado, solicitou rebaixar o IVE de ovos e carne de polo para axudar os consumidores xa que, segundo ao seu criterio, a gripe aviaria "está a provocar incrementos de prezos insostibles para moitas familias".

Neste texto salientaron en que "nas últimas semanas están a producirse importantísimos incrementos de prezos nos ovos e a carne de pito, alimentos básicos na cesta da compra dos consumidores", unha situación que "pode ser aínda peor en tanto que, desde este luns, todas as galiñas que vivían ao aire libre deberán permanecer no interior".

Isto afectará as condicións en que se producen os ovos e provocará unha menor produción, o que supón prezos máis altos.

Pola súa banda, o secretario xeral de Facua, Rubén Sánchez, indicou que xa se viron subidas "enormes nos últimos tempos" e, ao seu xuízo, as únicas medidas por parte da sadministracións é o "intevencionismo" que permite a lei de comercio e, para os consumidores recomenda comparar e "fuxir" daqueles operadores que apliquen máis subidas.

Tamén pediu unha "monitorización de prezos" por parte do Ministerio de Agricultura para verificar se "soben de maneira proporcional ao incremento de custos ou non".

"Efecto puntual nos prezos"

O ministro de Agricultura considera que os focos de gripe aviaria terán un efecto "moi puntual" nos prezos aínda que o Goberno estará "moi atento" e "moi vixilante para que ninguén aproveite unha situación deste carácter para levar a cabo ningún tipo de acción especulativa".

"Somos o terceiro país, xunto a Chipre e Francia, cos prezos da alimentación máis baixos dentro da Unión Europea", concluíu o ministro, quen reafirmou que España "seguirá vixiando a evolución dos prezos e garantindo a seguridade alimentaria e sanitaria do conxunto dos cidadáns".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade