As obras do apartadoiro ferroviario da Plisán comezarán en xuño e rematarán en 2025
Esta área está chamada ser a gran zona de actividades loxísticas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para a xestión e almacenamento de mercadorías
A actuación suporá un investimento de máis de 31 millóns de euros
A Autoridade Portuaria de Vigo licitará nos próximos días as obras de construción do apartadoiro ferroviario da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN).
As obras comezará en xuño e prevese que estean concluídas a finais de 2025, segundo anunciou este luns o seu presidente, Xesús Vázquez Almuíña.
Tras o visto e prace do Consello de Administración do Porto e co informe de impacto ambiental favorable por parte da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático, todo está listo para dar inicio a unha actuación que suporía un investimento de máis de 31 millóns de euros.
As obras están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e Zona Franca, ademais de pola Unión Europea, que achega 8,1 millóns de euros a través dos fondos Next Generation, e se todo vai ben estarán finalizadas a finais de 2025 tras 22 meses de obras.
Así o explicou Vázquez Almuíña tras reunirse coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Ángeles Vázquez sinalou que esta área está chamada a ser a gran zona de actividades loxísticas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para a xestión e almacenamento de mercadorías e que, ademais, permitirá impulsar o tráfico ferroviario deste tipo en Galicia.
O apartadoiro ferroviario situarase na zona Sur da PLISAN, nunha parcela de 316.218 metros cadrados para o seu uso como Centro Intermodal, onde se situarán as instalacións necesarias para unha terminal ferroviaria de mercadorías que conecte coa Rede Ferroviaria de Interese Xeral.
A terminal ferroviaria construirase en paralelo á vía xeral a través dun feixe de vías para a recepción, clasificación e expedición de trens, e estará formada por catro vías de 750 metros de lonxitude útil, conectada en ambas as cabeceiras cos desvíos de acceso á vía xeral.
Xunto a estas, ao norte, prevese un novo feixe de catro vías dispostas baixo unha ponte guindastre de alta capacidade, que permitirá que a zona poida ser explotada tanto por graneis como por contedores.
Esta zona prolongarase cara ao leste a unha chaira para automóbiles, posibilitando a súa carga directamente en trens.
O proxecto completarase coa urbanización da terminal ferroviaria e a habilitación de viais de acceso, así como a instalación dun tanque de tormentas para a protección do sistema fluvial.