Publicador de contidos

Publicador de contidos

A nave calcinada da antiga Pontesa, "unha polvoreira sen licenza"

A nave calcinada da antiga Pontesa, "unha polvoreira sen licenza"

O Concello de Pontevedra ordenou o cesamento inmediato da actividade e a retirada de todo o material do recinto 

Os bombeiros vixían aínda as instalacións para evitar que reavive o lume

O ferido máis grave no incendio segue ingresado na Unidade de Queimados do CHUO

G24.gal 07/11/2022 15:09 Última actualización 07/11/2022 22:00

Os servizos de extinción de incendios, segundo explicou a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, atopáronse cunha "auténtica polvoreira" no que había "toneladas" de material inflamable, composto na súa maioría de cereais en gran.

"Tivemos moita sorte de que isto non fose máis grave", sostivo Vilaverde, que explicou que no interior da nave incendiada había "montañas de pipas de xirasol" de máis de dez metros de alto e quince de ancho. Estes cereais cando se almacenan en gran cantidade poden combustionar de maneira espontánea, debido á emisión de gases e a calor; sendo precisamente nunha destas montañas de cereais onde se orixinou o incendio.

A calor xerada provocou que explotase a cuberta e a uralita da nave, xerando ademais perigo de expansión de amianto porque, segundo a concelleira, "ardía fibrocemento".

Desde o Concello afirman que a actividade que o Grupo Nogar realizaba na zona carecía de licenza e tampouco dispoñía das mínimas medidas de seguridade, xa que "non había sistema de extinción de incendios nin hidrantes".

"Non hai cambio de titularidade nin solicitude para almacén ou calquera outro tipo de actividade" nos rexistros municipais, subliñou Eva Vilaverde, que lembrou que unha instalación de almacenaxe como esta debe estar "preparada" para iso e esta "non tiña nada".

O Goberno municipal xa ordenou o cesamento inmediato da actividade da compañía dentro deste complexo fabril e iniciará un expediente de reposición da legalidade, xa que ningunha das actividades que se acometía neste espazo era coñecida pola autoridade municipal.

"As naves non podían ter este material nin dentro nin fóra, onde hai madeira que se podía ver afectada polo incendio", engadiu a representante municipal.

Ademais, os servizos xurídicos do Concello estudan a que administración corresponde iniciar o expediente sancionador debido a esta situación, xa que esta nave está situada en terreos de protección marítimo-terrestre. 

No incendio quedaron feridas tres persoas, unha delas grave

No incendio resultaron feridas tres persoas, dous operarios da empresa Grupo Nogar, a dona da nave e un bombeiro que participaba nos traballos de extinción. O máis grave é o segundo traballador da empresa, un home de 59 anos que, tras ser trasladado ao Hospital Montecelo, tivo que ser derivado á unidade de queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, ante a gravidade das súas queimaduras.

Segundo fontes hospitalarias, o ferido ten queimaduras de terceiro grao no 85 % do seu corpo. A vítima é Benito González Dopazo, traballador do grupo Nogar e concelleiro do PSdeG-PSOE en Marín.

O segundo traballador ferido do Grupo Nogar é un home de 44 anos. Tamén está ferido un bombeiro que participaba nas nos traballos e extinción. Os dous están feridos leves e foron atendidos no lugar polos sanitarios do 061.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade