Publicador de contidos

Publicador de contidos

As matriculacións de turismos creceron un 8,7 % en 2025 en Galicia

As matriculacións de turismos creceron un 8,7 % en 2025 en Galicia

No conxunto de España, as matriculacións creceron un 12,9 %

G24.gal 02/01/2026 17:07

As matriculacións de turismos e todo terreo creceron un 8,7 % en Galicia en 2025 (30.177 unidades), 4,2 puntos por debaixo da media, informaron este venres as patronais do sector (Anfac, Faconauto e Ganvam).

No conxunto de España, as matriculacións creceron un 12,9 % e contabilizaron 1.148.650 unidades.

Por segundo ano consecutivo, a venda de coches novos supera o millón de unidades desde a pandemia (2020-2023), aínda que a cifra queda lonxe dos 1,26 millóns de unidades vendidas en 2019.

A compra de turismos novos por particulares amosou un gran dinamismo en 2025, con 539.642 unidades (un 18,1 % máis), por riba das empresas, que matricularon 418.574 coches (un 12 % máis), e das empresas de alugueiro, con 190.434 unidades (un 2,3 % máis).

A patronal Anfac (fabricantes) cualificou o ano 2025 como “moi positivo” e destaca o efecto que tiveron as canles de particulares e de empresas. Ademais, amosa a súa confianza en que, a finais de 2026, a venda de turismos quede preto da cota acadada antes da pandemia.

Faconauto (concesionarios) destaca o “bo comportamento” das matriculacións de vehículos electrificados impulsadas polos plans Moves, así como as vinculadas á Comunidade Valenciana tras a dina.

Para Ganvam (concesionarios), en 2025 o sector puxo a etiqueta de “ano de transición, ao quedar preto do volume natural” do mercado.

No resumo anual, por fontes de enerxía, destaca a venda dos turismos híbridos e híbridos enchufables, ao sumar máis do 50 % do mercado, con 483.000 unidades (un 23,1 % máis) e 124.000 coches (un 111,7 % máis), respectivamente.

Os eléctricos puros sumaron máis de 100.000 vendas no ano, mentres que os electrificados (BEV+PHEV) pecharon o exercicio cun 94,6 % máis de rexistros, ata a cifra inédita de 225.617 unidades nun mesmo ano.

Pola contra, 2025 deixou descensos na matriculación dos coches de gasolina (318.210 unidades, un 16 % menos) e de diésel (62.669 unidades, un 35 % menos).

Só en decembro vendéronse 103.012 turismos, un 2,2 % menos en taxa interanual. Neste descenso influíu que, en decembro de 2024, a traxedia da dina aumentou as vendas de vehículos en Valencia.

Un bo ano para os comerciais lixeiros

As matriculacións de vehículos comerciais lixeiros no total do ano 2025 aumentaron un 11,6 % en taxa interanual, con 185.056 unidades.

Todas as canles de venda rexistraron incrementos en comparación cun ano antes, coa das empresas á cabeza, con 128.396 unidades (un 10,3 % máis), seguidas pola dos autónomos, con 30.593 unidades (un 9,7 % máis), e pola das empresas de alugueiro, que acadaron 26.067 unidades (un 21,4 % máis).

No lado oposto situáronse as matriculacións de autobuses e industriais, con 35.389 novos rexistros, un 3,1 % menos que en 2024.

Por tipo de vehículo, os industriais sumaron 30.989 vendas en 2025, un 3,6 % menos, mentres que o mercado de autobuses, autocares e microbuses mantívose estable con 4.400 unidades.

O modelo Sandero, da marca Dacia, foi o coche máis vendido en 2025, con 38.548 unidades matriculadas, por diante dos modelos Clio de Renault (27.104 coches) e MG ZS (23.731).

Por marcas, o podio ocupárono, por esta orde, Toyota (96.290 matriculacións), Renault (83.308) e Volkswagen (76.545).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade