Publicador de contidos

Publicador de contidos

As inundacións na rexión italiana Emilia Romaña causan 14 falecidos

As inundacións na rexión italiana Emilia Romaña causan 14 falecidos

A zona continúa este sábado en aviso vermello por chuvias

Houbo un ferido leve ao caer un helicóptero na zona asolagada


 

G24.gal 20/05/2023 14:41 Última actualización 20/05/2023 14:54

Os servizos de emerxencia continúan coas tarefas de rescate e afánanse en localizar as persoas que permanecen desaparecidas. Hai rúas anegadas e moitos veciños quedaron atrapados no interior das súas vivendas.

O número de falecidos nas inundacións da rexión italiana Emilia Romaña ascende, polo momento, a 14. A alerta mantense este sábado. A zona continúa en aviso vermello por chuvias.

Xa foron evacuadas ata o momento preto de 27.800 persoas, moitas delas están recolocadas en hoteis ou en instalacións de Protección Civil.

Polas intensas precipitacións desta semana uns 23 ríos rebordaron, polo que inundaron vilas enteiras e afectaron tamén á agricultura. 

Moitos cultivos están asolagados, con milleiros de hectáreas que permanecen baixo a auga, o que causa grandes perdas económicas.

Servizos esenciais

As autoridades seguen asistindo a poboación. Nas últimas horas centráronse no restablecemento dos servizos públicos esenciais, como a auga potable.

Nunha parte da zona afectada xa se recuperou a electricidade e as liñas telefónicas. Ata 500 estradas continúan cortadas e algunhas quedaron destruídas. 

O Goberno celebrará o martes vindeiro un Consello de Ministros extraordinario para destinar 20 millóns de euros en asistencia inmediata e para suspender obrigas fiscais e o pago de facturas a todos os afectados. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade