Publicador de contidos

Publicador de contidos

As intensas treboadas deixaron en Galicia 135 incidencias

As intensas treboadas deixaron en Galicia 135 incidencias

A maioría por caídas de árbores e ramas e concentráronse nas provincias de Ourense e Lugo

Para estes días agárdase tempo cambiante, con precipitacións e baixada de temperatura

G24.gal 16/06/2022 14:28

As intensas treboadas na xornada de onte deixaron na nosa comunidade un total de 135 incidencias. A maioría por mor da caída de árbores e ramas. Unhas incidencias que se rexistraron sobre todo nas provincias de Ourense e Lugo. E non foi para menos, pois onte chegou a chover en varios puntos de Galicia ata 20 litros por metro cadrado e con refachos de vento como en Valdeorras de 114 quilómetros por hora.

As intensas treboadas marcaron a tarde da xornada de onte en moitos puntos das provincias de Ourense e Lugo. Aparato eléctrico, moita chuvia, vento e mesmo pedrazo. O motivo: a suma de aire frío máis calor.

"As dúas masas confluíron, desencadeando nubes convectivas, que soltaron en menos dunha hora, precipitacións moi importantes en escasos minutos, ata 20 litros por metro cadrado, como no caso de Melide. Tamén refachos máximos en puntos altos de montaña como en Lardeira con 115 quilómetros por hora, e máis de 3000 descargas sobre todo entre as oito e a media noite", explica Noelia Rodríguez, de 'O tempo'  da TVG. 

Tormentas que causaron numerosas incidencias, 135 en total na comunidade. A maioría por caídas de árbores e ramas, como en Lugo. Esta mañá tocou retirada de ramas e mesmo mobiliario urbano estragado.

Outros incidentes rexistrados foi un accidente dunha ambulancia en Portomarín sen sufrir danos os seus ocupantes. Tamén provocou cortes da subministración eléctrica ou algún que outro levantamento de chapas de edificios en Valdeorras que rexistrou refachos de 114 quilómetros hora, sen feridos tamén. Hoxe calma pero relativa, pois hai risco de trebóns. E precisamente estaremos moi atentos á DANA para estes días.

"Teremos precipitacións máis probables en zonas occidentais. O certo é que estamos moi pendentes do movemento desa DANA, segundo se aproxime a Galicia ou se afaste, afectará nunha medida ou noutra. O que si está claro é que o tempo vai estar moi cambiante", di Noelia Rodríguez. 

Para a fin de semana, polo tanto, precipitacións e tamén baixarán as temperaturas, que rozarán os 20 graos. Aínda así, todo dependerá da DANA, que, polo que se ve, xoga a despistar.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade