As intensas choivas poñen a proba a paciencia da cidadanía
A borrasca Claudia deixa as precipitacións máis abondosas no que vai de ano
Flutúan entre adaptarse ás inclemencias do tempo cun bo paraugas ou botar de menos un pouco de sol
Os meteorólogos xa levaban advertindo das peculiaridades do outono este ano en Galicia: un verán prorrogado ata mediados de outubro, cunha situación anticiclónica estable e o tempo desapracible propio da época desaparecido.
Ata que empezaron a chegar as precipitacións, e canda ela Claudia, a borrasca desta semana que deixou vento e choivas a esgalla.
"Hoxe xa vai ir desaparecendo pero son seis xornadas consecutivas coa mesma borrasca, moi preto de Galicia, achegando inestabilidade e moita precipitación", comenta Juan Taboada, de Meteogalicia.
Unha borrasca estraña, pero tamén moi activa, con choivas acumuladas de ata 200 litros por metro cadrado, pero que en puntos, como en Santa Comba, chegou a 350 litros, o dobre do que sería normal en todo o mes de novembro. E como a viviron os galegos?
Pois hai de todo. Para uns, ser prácticos é o primeiro.
"Estamos no tempo que debe facer por esta época" e para outros o verán é unha prioridade: "A ver se nos vén o verán de san Martiño".
A borrasca Claudia é xa oficialmente a que máis choiva deixou en Galicia no que vai de ano, pero a partir deste luns a situación cambia, e non para mellor.
"Imos ter un descenso importante nas temperaturas e entre mércores e xoves, algunhas precipitacións. Así que comezaremos ver neve, que é algo que non vimos durante este outono e en cotas relativamente baixas", apunta o meteorólogo Juan Taboada.
Coa neve e o frío xa para a semana, ao mellor botar de menos un pouco de sol non estaría de máis.