As gasolineiras pídenlle ao Goberno diálogo e unha rebaixa fiscal
O presidente de Fegaes di que "deberiamos de xa estar nunha mesa falando de se hai cambios substanciais ou non... e cales van ser"
Pretenden que o Goberno aclare se haberá bonificación universal de 20 céntimos por litro de carburante en 2013
A incerteza sobre a bonificación universal de 20 céntimos por litro de carburante que remata o 31 de decembro preocupa nas gasolineiras.
O presidente de Fegaes, a Federación Galega de Estacións de Servizo di que "deberiamos de xa estar nunha mesa falando de se hai cambios substanciais ou non... e cales van ser".
Julio César López pide concreción: "Nós temos que pechar o ano e o día un estar funcionando cunha cousa nova, que sería eliminar isto nun día festivo, venres...".
Os empresarios queren evitar os problemas de hai oito meses e reclaman ao Goberno diálogo para poder adaptar os seus sistemas informáticos a calquera cambio.
"Estamos moi preocupados que nos encontremos cunha situación como a do un de abril que ata as sete da mañá do día anterior non tiñamos información exacta de cal sería o alcance exacto da bonificación", asegura Julio César López.
Sobre a posibilidade dunha discriminación por renda, os empresarios veno complicado e temen que a medida remate nos xulgados. Eles defenden a rebaixa do IVE.
O avogado da Federación, Miguel Sánchez, explica que "sería unha barbaridade desde o punto de vista, mesmo xurídico. Nós propoñemos unha rebaixa no IVE do 5 %, como ten a electricidade e o gas. E que nós deixemos de ser banqueiros do Estado e pasar a ser inspectores de Facenda. Empezar a controlar a renda dos nosos clientes, que tipo de renda teñen ou que tipo de ingresos".
Desde a federación advirten da crise que afecta as gasolineiras rurais e pequenas. Contabilizan máis de 60 pechadas en Galicia e temen que unha mala decisión incremente a cifra.