Publicador de contidos

Publicador de contidos

As formigas poden ulir o cancro e axudar á súa detección precoz

As formigas poden ulir o cancro e axudar á súa detección precoz

En poucos minutos pódese adestrar unha formiga para que detecte os tumores

G24.gal 26/01/2023 19:27 Última actualización 26/01/2023 20:13

Un equipo de científicos franceses constata que as formigas poden detectar "con fiabilidade" os sinais tumorais.

Con todo e tratarse de investigación básica e de seren aínda necesarios máis experimentos, os resultados "son prometedores", asegura o investigador principal Baptiste Piqueret.

As conclusións publícanse na revista Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences.

O olfacto animal é un método que pode aumentar a taxa de detección precoz do cancro, describen os científicos no seu artigo.

Para o seu estudo, os investigadores enxertaron células tumorais de cancro de mama humano en ratos e comprobaron que as formigas poden aprender a discriminar o cheiro dos roedores sans do cheiro dos animais portadores de tumores.

As células tumorais caracterízanse por un metabolismo alterado, que produce patróns únicos de compostos orgánicos volátiles. Segundo os autores do estudo, mediante a aprendizaxe asociativa olfactiva pódese adestrar os animais para que detecten estas substancias.

O equipo adestrou un grupo de formigas para que asociasen o cheiro do tumor a unha recompensa de azucre.

Despois deixáronas nunha area onde había ouriños sans e con tumor, pero sen ningunha recompensa, e mediron as súas preferencias.

"Descubrimos que pasaban máis tempo —un 20 por cento máis— á beira do cheiro aprendido (ouriños con tumor) que xunto ao outro", explican os autores do estudo.

Entre os insectos, as formigas, e especialmente a Formica fusca-, demostraron unha notable capacidade de aprendizaxe con cheiros ecoloxicamente relevantes; as formigas teñen un olfacto "moi fino" e poden adestrarse fácil e rapidamente, aseguran.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade