Publicador de contidos

Publicador de contidos

A orde de embarcar dous peritos máis no Ártabro alivia ás familias das vítimas do Pitanxo

A orde de embarcar dous peritos máis no Ártabro alivia ás familias das vítimas do Pitanxo

O buque encargado da inspección diríxese a San Xoán de Terra Nova para recoller un segundo perito designado polo xulgado, e outro de parte das familias

O Ártabro partira do porto de Vigo o 17 de maio sen autorización da Audiencia Nacional, que deu orde de enrolar estes dous técnicos antes de comezar a misión de busca do pecio

G24.gal 25/05/2023 14:12

O buque encargado de localizar os restos do Villa de Pitanxo partíu de Vigo o 17 de maio. Agora o Ártabro diríxese ao porto de San Xoan de Terra Nova para recoller outros dous peritos. Quedaran atrás porque o buque zarpou, segundo o xuíz da Audiencia Nacional que leva a investigación, sen autorización expresa do xulgado

As familias das vítimas do naufraxio, ocorrido en augas do Canadá en febreiro de 2022, din que valoran "de maneira moi positiva" a orde para embarcar estes dous técnicos. A súa voceira, María Xosé de Pazo, espera que sexa un "punto de inflexión" e pide que "o ministerio coopere co xuíz e deixen traballar coas garantías legais".

Subirán abordo un segundo perito designado polo maxistrado e un técnico contratado polas familias. Quéixanse dos custos engadidos que lles supuxo ter que mandalo en avión, pero sobre todo, quéixanse da tensión que pasaron.

"Non vos podedes imaxinar", di De Pazo. "Un ano e medio loitando para que este operativo se realizase, e ata onte non tivemos a certeza de que ía coas garantías que o xuíz pedía". Relata que para as familias foi "un senvivir" porque "calquera podería cuestionar esa proba".

O Ártabro rastrexará 25 quilómetros cadrados ao día para localizar os restos do Villa de Pitanxo e, cando o fagan, baixarán gravar imaxes ao barco. "Non sei que se vai atopar", afirma María Xosé de Pazo. "Pasou case un ano e medio, nun escenario que non é estático", explica. Pero cre que "non se pode descartar esa proba" ata saber "o que vai acontecer alí".

"O que tampouco temos é esperanza de que apareza ningún ser querido, tristemente", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade