As eléctricas reclaman melloras na rede de enerxía para poder atender todas as peticións de conexión
As eléctricas reclaman melloras na rede de enerxía para poder atender todas as peticións de conexión
As distribuidoras aseguran que teñen que rexeitar unha de cada tres solicitudes polas carencias do sistema
As empresas piden acelerar a adaptación das infraestruturas porque son obras que levan anos
As grandes eléctricas reclaman que o Goberno lles bote un cable e mellore canto antes a rede de transporte de enerxía en España. Din que arestora, nin lles poden dar subministración a todos os que a piden nin tampouco é posible distribuír na propia Galicia máis porcentaxe da enerxía que se produce aquí, que é moita.
Empresas como Naturgy e Endesa coincidiron nese desexo durante a xornada 'Galicia cara ao futuro' que organizou a axencia Europa Press en Santiago.
"Cando o noso propio negocio se dedica a conectar a demanda ás redes de distribución, tivemos que rexeitar un trinta por cento das solicitudes de conexión por falta de reforzo na rede de transporte", asegura Mónica Puente, directora da distribuidora UFD de Naturgy.
"Ten que haber redes de distribución axeitada para que esa enerxía sexa competitiva", engade o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites.
Mellorar a rede é condición, tamén, para que flúa o modelo das renovables e poder aproveitar toda a enerxía que producen. Pero son necesarias grandes obras de infraestrutura que esixen anos de planificación.
"O problema que temos agora mesmo xa non é que a rede estea preparada", explica a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, "é que adaptar a rede ao que pide a empresa leva, non un, nin dous, nin tres anos, leva dez anos".
As eléctricas esperan tamén luz para os parques eólicos paralizados polos tribunais. Practicamente todos os proxectos de nova construción están en suspenso.
"Parques que tiñan que entrar en funcionamento en 2026 estámolos vendo máis cara a 2028. Esperamos que isto se resolva pronto", di o director territorial de Endesa Noroeste, Miguel Temboury.
Mentres, as eléctricas si poden avanzar na renovación dos parques existentes. En varios lugares de Galicia están substituíndo os aeroxeradores antigos por menos torres, pero moito máis potentes. A Xunta, de feito, calcula que con ese modelo se reduciría un oitenta por cento o número total de turbinas nos montes do país.