Os drons permiten instalar balizas no tendido eléctrico para que non batan as aves
O novo método de instalación permite reducir os riscos laborais e aumenta a produtividade
Aeromedia leva 10.000 balizas instaladas en medio ano, 200 delas en Galicia
A lei obriga a instalar balizas nas liñas eléctricas de alta e media tensión naqueles lugares onde aparecen aves mortas electrocutadas. Un novo sistema de instalación destas balizas con drons permite reducir os riscos laborais deste traballo e que non estea condicionado pola orografía do terreo.
Desde hai medio ano, estes drons instalaron xa arredor de 10.000 balizas homologadas, 200 delas en Galicia, para evitar que os paxaros batan contra o tendido. Están feitas dun material que reflicte a luz e funciona como un espantallo para eles.
"Nós o que estamos a facer é colocar balizan anticolisión en liñas eléctricas tanto de media coma de alta tensión. Colocamos arredor de 200 balizas por día, que permiten que as aves vexan se hai unha liña e non choquen", asegura Alejandro Davila, director da área industrial de Aeromedia.
Este método de sinalización estase implantando con drons naquelas liñas que xa están en funcionamento. A instalación das balizas de xeito manual esixía cortar a subministración, estaba condicionada polo estado do terreo de debaixo da liña e requiría man de obra cualificada.
"A maior vantaxe que temos con respecto ao método manual é que non hai ningún tipo de risco para ao persoal e a produtividade está sendo moi alta", di Davila
Poden traballar con varios equipos e drons en simultáneo e é fundamental a precisión dos operarios.
"Neste tipo de equipos situamos a baliza enriba. Abrimos a pinza, fai presión e entón pecha", explica.
Noutros casos a baliza vai debaixo do dron, cun sistema máis complexo de instalación. Pero nos dous casos hai garantía de que a sinalización queda prendida no lugar exacto do tendido eléctrico.