Unha operación contra o tráfico de heroína deixa ata o momento 22 detidos en Galicia
Rexistros en Santiago e en seis localidades de Pontevedra
Os axentes incautáronse de droga, cartos e unha arma de fogo
A operación Doner comezou de madrugada cunha ducia de rexistros que se prolongaron ata entrada a mañá, un deles o dun chalé no Terrón, en Vilanova de Arousa. Nesta localidade producíronse 3 dos 22 arrestos que deixa de momento a redada.
Os axentes da UDYCO de Vigo e Pontevedra e do Equipo de Delincuencia Organizada da Garda Civil entraron tamén en vivendas en Vilagarcía, Vigo, Cambados, Pontevedra, Baiona, Soutomaior e Santiago.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, confirmaba que "se realizaron máis dunha decena de rexistros en distintos puntos da provincia. Detívose máis dunha vintena de persoas que, presuntamente, teñen relación co tráfico de drogas. Finalmente, intervíronse substancias estupefacientes, diñeiro e algunha arma".
A rede dedicaríase ao tráfico de droga en pequenas cantidades, sobre todo heroína. O xulgado número 3 de Vilagarcía coordina a operación, que chega menos dun mes despois da Operación Saona, outro golpe no Salnés e na Barbanza aos narcos que, naquel caso, tentaban descargar cocaína na costa galega.