As confrarías de Pontevedra preparan os seus pasos para as procesións de Semana Santa
O Nazareno volverá percorrer esta noite a zona monumental de Pontevedra
Martes Santo, estamos a só dous días de que comecen as celebracións máis solemnes da Semana Santa. Despois de dous anos marcados pola pandemia, os preparativos cobran unha intensidade engadida en todas partes. Por exemplo en Pontevedra.
Todas as confrarías pontevedresas viven con moita emoción estes días, contentas de ir superando a pandemia, como é lóxico, e de que iso lles vai permitir recuperar as súas tradicións. En Pontevedra, agás a do Domingo de Ramos, que se suspendeu para evitar aglomeracións, está previsto que se celebren todas as procesións e actos programados de aquí ao Domingo de Resurrección.
Este martes é o día grande da confraría do Noso Pai Xesús do Silencio. Dous anos despois, o seu Nazareno volverá percorrer sobre os seus ombros as rúas da zona monumental de Pontevedra nunha procesión íntima e solemne. Para todos os seus portadores é un día especial, tanto se son veteranos como se estrean misión.
Devoción, tradicións familiares, lembranzas e costumes conviven nas procesións de Semana Santa co protocolo covid que, xa na recta final da pandemia, é máis doadamente adaptable.
Ata o vindeiro domingo, as sete confrarías da Semana Santa pontevedresa teñen por diante un amplo programa de actos e de procesións, como a dos Pasos, a do Encontro ou a do Santo Enterro.