As comunidades gobernadas polo PP rexeitan o plan de vivenda do Goberno
Os gobernos autonómicos populares aceptar aumentar o financiamento, pero piden diálogo para consensuar as medidas a aplicar
Sobre a mesa, un plan que busca construír máis vivenda pública, triplicando o investimento ata os 7.000 millóns de euros e cun maior financiamento por parte das comunidades autónomas.
"Non lles pido a lúa. Só un cofinaciamento máis acorde co repartimento competencial", reclama a Ministra de Vivenda Isabel Rodríguez.
As comunidades gobernadas polo PP comparten este obxectivo, pero critican as formas do Goberno para sacar adiante o plan. Din que quere impoñer unhas medidas que xa se demostraron ineficaces sen dialogar e invadindo as competencias dos gobernos autonómicos.
"Parece que o Ministerio trata as comunidades como simples interesados no proceso de información pública. Non é así. Nós temos que ser protagonistas principais", denuncia en nome das 13 comunidades do Partido Popular, o conselleiro de Vivenda de Castela e León.
Desde Galicia reclámanse máis incentivos ao sector para construír vivenda protexida en réxime de venda ou alugueiro, a posta á disposición de solo para os promotores e máis flexibilidade na aplicación do plan estatal.
"Galicia ten que quintuplicar as súas achegas e estamos dispostos a asumir ese 40 %. Pero non podemos aceptar que nos impoñan uns programas que non servirán para dar solución aos problemas de acceso á vivenda", asegura María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda da Xunta de Galicia.
O Goberno galego presentou alegacións ao Plan Estatal de Vivenda e propón a creación dun grupo de traballo que poida consensuar un marco común que sirva para garantir o acceso á vivenda.