As confrarías galegas rexeitan declarar a anguía como especie en perigo de extinción
A Federación Galega de Confrarías de Pescadores galegos cualifican de "incomprensible a iniciativa do Goberno central porque suporía a fin deste "sector artesanal"
A Federación Galega de Confrarías de Pescadores cualificou de "incomprensible" a iniciativa do Goberno central de declarar a anguía como especie en perigo de extinción e pediu que escoite un sector profesional que ten unha xestión "responsable" e "sostible".
Nunha carta difundida este venres, o presidente da federación, José Antonio Pérez Sieira, criticou a iniciativa anunciada pola vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, "despois de manter un encontro cunha organización de cociñeiros europea" e insinuou que "son os cociñeiros os que deciden sobre a xestión".
Pérez Sieira fixo este anuncio dous días despois de reunirse coa conselleira do Mar, Marta Villaverde, quen tamén rexeitou a proposta do Goberno central alegando en termos parecidos que "os datos avalan que se está xestionado dunha forma sostible e responsable".
Un estudo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) advertiu o ano pasado que a anguía se atopa en "perigo crítico de extinción" desde hai un par de décadas.
Pérez Sieira asegurou que pescadores de localidades galegas como Arcade, Rianxo, Ferrol ou Carril "levan toda a vida explotando esta especie de maneira controlada e rigorosa" e salientou, como tamén os fixo a conselleira, unha veterinaria, que o sector fixo un esforzo durante anos para adaptarse a medidas "cada vez máis restritivas" de captura de anguía.
"Sei que Madrid está moi lonxe do mar, parece que cada vez máis lonxe, pero o mínimo que podemos esixir é que os que nos gobernan se doten de asesores coñecedores de pesca que lles fagan traballar con sentido común e que nos deixen de presionar e asfixiar con normas e máis normas inaceptables e inaplicables", criticou.
Por iso, pediu aos membros da Comisión de Flora e Fauna que se reunirán o próximo día 17 que valoren a proposta do ministerio "con responsabilidade" e que se opoñan, porque "traerá consecuencias a un sector que está a traballar na captura de anguía en Galicia de maneira seria e responsable".
"Supoñería a prohibición da súa pesca e, por tanto, a desaparición dun sector artesanal que pesca con nasa específica para esta especie e que realiza a súa xestión dunha forma sostible, controlada e regulada", concluíu.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica incluíu na orde do día da Comisión de Flora e Fauna que se celebrará o 17 de febreiro declarar en perigo de extinción a anguía, unha especie catalogada en perigo crítico pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN).