As causas da caída do escenario no Son do Camiño, pendentes dos informes periciais
Inspectores de Traballo, do Instituto Galego de Seguridade e da Policía Nacional determinarán as circunstancias do suceso
Vinte e catro horas despois do derrubamento dunha parte do escenario do festival O Son do Camiño, no Monte do Gozo en Compostela, seguen a investigarse as causas que provocaron o colapso da estrutura e que deixaron dous operarios graves e outros catro con feridas leves. Persoal do Instituto Galego de Seguridade e de Inspección de Traballo estiveron no lugar dos feitos para elaborar un informe sobre as circunstancias do suceso.
"En canto ás causas, esperemos o informe da inspección de traballo como do ISGA, e tamén houbo un informe da Policía Nacional, que todo se trasladou ao xuíz. Onte pola tarde xa se levantou o precinto do recinto e a partir deste momento as empresas de guindastres traballan para retirar todos os ferros e deixar libre aquela zona", manifestou o director xeral de Emerxencias de Galicia, Santiago Villanueva.
Dende esta dirección xeral sinalouse a importancia que tivo para minimizar a gravidade dos feridos a rapidez con que actuaron os equipos de rescate.
"A prioridade era rescatar os feridos, que non se producisen máis danos. A evacuación foi rapidísima por parte dos servizos sanitarios", apuntou Santiago Villanueva.
Ademais dos feridos e da investigación, a atención continúa tamén nos traballos acontecidos no Monte do Gozo para substituír a estrutura derrubada.
"Cómpre ir aos poucos. O escenario vello está moi danado, non serve, e a partir de aí, cos técnicos, veremos que se pode facer e cal é a situación", afirmou o director xeral.
O festival O Son do Camiño ten previsto botar a andar este vindeiro xoves con dezaseis actuacións e máis de corenta mil asistentes.