As cámaras da G2 estarán en Pasarón para seguir o Pontevedra-Mérida
Xusto antes o Celta B visita o campo do Real Madrid Castela nun duelo de filiais
As cámaras da Galega estarán este sábado pola tarde en Pasarón (19:00 horas). Tras perder pola mínima no campo do líder, o Pontevedra recibe o Mérida, un equipo que fóra da casa se amosa solvente e que a semana pasada derrotou o Rácing de Ferrol. O Pontevedra recupera a Yelko para esta cita. Só Rufo queda fóra da convocatoria. Unha nova vitoria na casa achegaríaos á salvación.
Xusto antes que o Pontevedra xoga o Celta B. Visita o o Real Madrid Castela, segundo clasificado. Os celestes, que veñen de caer ante Unionistas, só perderon catro partidos fóra da casa. Os brancos só concederon unha derrota en Valdebebas. Os dous mellores filiais da categoría teñen en xogo o ascenso.
O equipo que dirixe Raúl Blanco busca o liderado. O Celta B, terceiro mellor visitante, quere dar a sorpresa para afianzarse no play off.