As cabalgatas de Reis traen a ilusión a todas as cidades e vilas de Galicia
A TVG e a Radio Galega farán unha despregadura especial:María Mera presentará o especial "Xa chegan os Reis", co percorrido dos Magos de Oriente polas principais cidades galegas
Na Coruña e Santiago, o desfile comezou ás 17:30
En Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo e Ferrol comezará ás 18:00
Imaxe de arquivo da cabalgata de Reis en Ourense. Rosa Veiga / Europa Press
Miles de familias galegas presencian xa a chegada dos Reis Magos nas distintas cabalgatas que esta tarde se celebran nas principais cidades galegas.
Amplos dispositivos de seguridade, cortes de tráfico e un tempo previsiblemente apracible aínda que moi frío marcarán a xornada.
Con todo, as principais cidades galegas non tiveron que alterar o seu plan e as distintas cabalgatas celébranse, en principio, sen cambios e sen necesidade de reprogramar percorridos ou buscar alternativas polas condicións meteorolóxicas.
Cabalgata na Coruña
Na Coruña, ata 13 carrozas e 15 figurantes desfilan pola cidade, dende as 17:30 horas desde a rúa Revolución Francesa, en Vioño.
O percorrido, duns 4,4 quilómetros, finalizará na praza de María Pita sobre as 20:00 horas, onde terá lugar o tradicional saúdo desde o balcón municipal.
Un dispositivo de máis de 200 persoas vela pola seguridade e controlará o tráfico dunha cabalgata que fai o seu percorrido por rúa Igualdade, rolda de Outeiro, Alcalde Pérez Ardá, avenida Santiago Rey Fernández-Latorre, Catro Camiños, costa da Palloza, avenida Primo de Rivera, Linares Rivas, Cantón Grande, avenida da Mariña, avenida de Montoto, Porta Real e María Barbeito antes de rematar en María Pita.
Cabalgata en Santiago
En Santiago, os Reis chegaron en avión ao aeroporto da Lavacolla e desprazáronse ao Espazo Cultural Rosalía de Castro, onde ás 12:00 horas recolleron as cartas da cativada.
A cabalgata comezou ás 17:30 horas na praza da Mercé de Conxo e seguirá pola avenida de Ferrol, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador e o Hórreo ata a praza de Galicia, para continuar por rúa da Senra, a Porta Faxeira e a rúa do Vilar e entrar na zona monumental ata Praterías, Fonseca e a praza do Obradoiro, onde será a recepción oficial ao redor das 19:00 horas.
Baixo o lema "A danza da Boa Estrela", o desfile incorpora cinco carrozas e ao redor de 300 persoas.
Cabalgata en Pontevedra
Pontevedra recibiu as súas maxestades na praza de España ás 11:00 horas; mentres que a cabalgata arrincou ás 18:00 horas na avenida de Lugo e discorre por Loureiro Crespo, Benito Corbal, praza da Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda, onde concluirá o desfile.
Cabalgata en Vigo
En Vigo, un ano máis combinan a cabalgata estática e o desfile dinámico. Baixo a temática de Maxia e Fantasía, a cidade olívica, que vive unha intensa programación do Nadal, reuniu multitudes na avenida Castelao de Coia para a cabalgata estática, nun horario matinal de 11:00 a 14:00 horas.
Pola tarde, o desfile saiu ás 18:00 horas da avenida de Castelao e prolongarase ata aproximadamente as 20:30 horas, cun trazado que discorrerá por praza de América, Álvaro Cunqueiro, Camelias e praza do Bicentenario, onde se prevé o peche do percorrido.
Cabalgata en Ourense
En Ourense, a cabalgata comezou ás 18:00 horas desde a estación do AVE, a porta de entrada dos Reis Magos á cidade. Avanzará polas rúas Eulogio Gómez Franqueira, avenida das Caldas, Ponte Romana, rúa do Progreso e Doutor Marañón, para finalizar na praza Maior.
Por motivos de seguridade, o concello prohibiu o uso de paraugas colocados do revés para recoller caramelos nunha cabalgata que ademais estará xeolocalizada a través dunha aplicación móbil.
Cabalgata en Lugo
En Lugo, os Reis percorrerán a cidade a bordo de catro carrozas, nun desfile que este ano contará con acompañamento musical e un total de dezaseis espectáculos.
O percorrido partiu do parque da Milagrosa ás 18:00 horas e avanza pola avenida da Coruña para entrar no recinto histórico pola Porta de San Fernando.
Desde alí continuará polas rúas San Fernando e San Marcos ata a praza de San Domingos, seguirá pola rúa da Raíña e concluirá o seu percorrido na praza Maior, onde se prevé a chegada ao redor das 19:30 horas.
Cabalgata en Ferrol
Por último, en Ferrol a cabalgata comezou tamén ás 18:00 horas e arrincou na rúa Venezuela, para seguir pola rúa Colombia, a estrada de Castela, as rúa Pontevedra, Cuntis e Roi Xordo ata chegar á praza de España, onde virará polas rúas María e Méndez Núñez, rúa Real e Rubalcava ata terminar na praza de Armas ao redor das 19:30 horas.
Cobertura especial na CSAG
A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) realizará este luns unha despregadura especial co gallo da celebración das cabalgatas. Os Telexornais do mediodía e do serán emitiranse en directo desde un dos puntos máis céntricos da Coruña, fronte á Porta Real.
Tamén o programa "A Tarde" da Radio Galega, presentado por Antón Rebollido, emitirase desde o mesmo emprazamento, con contidos especiais vinculados ás celebracións de Reis.
Emisión do programa especial "Xa chegan os Reis"
A Televisión de Galicia emitirá desde A Coruña a chegada dos Reis Magos a Galicia. A canle pública emitirá o programa especial "Xa chegan os Reis" presentado por María Mera, co percorrido das súas maxestades de Oriente pola cidade, e amosará tamén as cabalgatas doutras cidades.
A TVG e a plataforma dixital AGalega.gal retransmitirán desde as 19:15 horas a cabalgata coruñesa ata a súa chegada a María Pita.
Os reporteiros David Vilares, Óscar Cruz, Noa García e Dani Polo situaranse en distintos puntos do percorrido para recoller o ambiente e a ilusión desta tarde especial.
Entre outros contidos, o especial incluirá a sección ‘Banco dos recordos’, unha emotiva viaxe ao pasado a través dos testemuños de veciños e veciñas das catro provincias e reportaxes sobre os ‘Cantos de Reis’ e a construción artesanal das carrozas.
Ademais, na cabalgata coruñesa desfilará tamén o autobús da plataforma infantil Xabarin.gal, no que viaxarán os personaxes da serie ‘Os Bolechas’.