As altas temperaturas disparan o risco extremo de incendio na península
A calor incide tamén en Galicia, especialmente nas provincias de Pontevedra e Ourense

O risco de incendios forestais é "extremo ou moi alto" no sur, leste, oeste peninsular e nas Canarias debido ás temperaturas de ata 41 graos ou máis que se prevén para os próximos días en case todo o país, e que levou á Aemet a declarar un episodio de onda de calor na Península e Canarias.
En Andalucía, as provincias de Cádiz, Córdoba, Sevilla e Xaén manteñen activado o risco extremo ou moi alto de incendio, do mesmo xeito que en Estremadura, onde o risco é máis elevado canto máis ao oeste das provincias de Cáceres e Badaxoz, segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) na súa páxina web.
Castela e León activou tamén o nivel de risco extremo ou moi alto de lumes no monte, sobre todo en áreas pertencentes ás provincias de León, Zamora, Ávila, Salamanca e Segovia por temperaturas que este sábado oscilarán entre os 36 e os 38 graos.
Na área do Mediterráneo, a Rexión de Murcia, a provincia de Alacante (Comunidade Valenciana) e Cataluña son as comunidades que máis risco de incendio presentan, do mesmo xeito que as Illas Baleares, en nivel extremo ou moi alto, sobre todo en Mallorca.
As Illas Canarias, onde hoxe deu comezo un episodio de onda de calor que se alongará probablemente ata o vindeiro luns, ten este sábado risco extremo nas illas de Gran Canarias, Tenerife e Fuerteventura.
Galicia, tamén en risco
Na metade norte peninsular como Galicia, con maior intensidade en Pontevedra e Ourense, en zonas illadas da cornixa Cantábrica e de Aragón activouse tamén o risco de incendios forestais.
Ante esta situación de altas temperaturas, Protección Civil e Emerxencias pediu extremar precaucións e prestar especial atención ás normas da Comunidade Autónoma sobre prevención de incendios e períodos autorizados para realizar queimas de restrollos, así como avisar inmediatamente ao 112 en caso de incendio.