As acusadas de explotar sexualmente unha muller en Arteixo negan os feitos
A Fiscalía sostén que as procesadas se aproveitaron da extrema necesidade económica da vítima á que, presuntamente, trouxeron desde Venezuela
Enfróntanse a penas de ata sete anos e medio de cadea
Tras unha ardua investigación iniciada a raíz da denuncia da vítima, a policía soubo que no piso de Arteixo onde residían as dúas procesadas, de orixe dominicana, se exercía a prostitución. E concluíu que a denunciante, á que presuntamente trouxeron de Venezuela, estaba dispoñible as 24 horas dos sete días da semana no cuarto que lle tiñan alugado as acusadas, e tiña a porta pechada cun cadeado e o pasaporte retido.
- "Así que o cadeado púxoo porque llo pediu?". - "Eu non o puxen. Púxoo ela". - "Vostede di que non sabe se no piso se exercía a prostitución". - "Ela tiña os seus amigos". - "Vostede non obrigaba a ninguén a exercer a prostitución?". - "Nunca na vida. Xamais". - "Concluíndo: vostede puido explotar unha moza e quedar cos beneficios?". - "Xamais na miña vida".
A filla da anterior acusada tamén negou os feitos polos que está a ser investigada. Contou que naquelas datas, abril do 2019, ela exercía a prostitución, ás veces, no piso. Pero que nunca obrigou nin anunciou ningunha outra muller.
- "Vostede non impuxo a ningunha muller condicións como estar dispoñible as 24 horas os sete días á semana?". - "Non. Se non estou nin eu". - "Nin cobrar directamente o servizo nin entregarlle unha cantidade ínfima á semana, uns cen euros para o seu sustento?". - "Non".
A vítima, que prestaba declaración por videoconferencia, sufriu un episodio de choque que lle impediu declarar. O tribunal citouna para este mércores, ás 11 da mañá.
A Fiscalía sostén que os feitos son constitutivos dun delito de trata de seres humanos e outro de explotación lucrativa de prostitución de persoa maior e solicita penas de sete anos de cadea para unha das procesadas e sete anos e medio para a outra.
A defensa pide a libre absolución.