Condenado a penas de 72 anos de cárcere por agresión sexual a mulleres ás que ofrecía emprego en Ordes
Condenado a penas de 72 anos de cárcere por agresión sexual a mulleres ás que ofrecía emprego en Ordes
Captaba as mulleres con anuncios de traballo e tratábaas de convencer para labores de prostitución nun futuro club de alterne
A maiores a estes cinco delitos a Audiencia coruñesa condénao por dous de trata de seres humanos e fixa indemnizacións
"Non se pode confirmar submisión química", pero si constataron "amnesia" compatible coa inxesta dalgún tipo de químico que lles anulase a vontade
Imaxe do condenado no xuízo
A Audiencia Provincial da Coruña condenou a penas que suman 72 anos de cárcere, así como ao pago de indemnizacións, un home por cinco delitos de agresión sexual a mulleres e dúas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
Así o recolle o fallo, ao que tivo acceso Europa Press, despois de ser xulgado por estes delitos contra tres mulleres, unha delas menor de idade, ás que captaba a través de anuncios de traballo e ás que trataba de convencer para exercer a prostitución nun futuro club de alterne no municipio coruñés de Ordes.
Xunto ás penas de prisión, que van entre os 12 anos e os seis anos de cárcere, fixa o pago de indemnizacións para as vítimas. Entre outros argumentos, o fallo remítese aos informes psicolóxicos "que poñen de manifesto as consecuencias e o grao de afectación das vítimas".
Con todo, rexeita que existise un delito de indución á prostitución, como sostivo a acusación popular. Si ratifican situacións "intimidatorias", entre outros aspectos para confirmar a condena.
Relato "coherente"
No xuízo, os peritos que realizaron os informes psicolóxicos das vítimas cualificaron de "coherente" o seu relato. "Os feitos que denuncian están baseados en feitos vividos", expuxeron nunha vista que comezou con declaración a porta pechada das mozas. "O dano psicolóxico non é simulado", apuntaron respecto ao testemuño ofrecido polas mesmas.
Pola súa banda, dous forenses sinalaron que "non se pode confirmar submisión química destas mulleres", pero si constataron "amnesia" compatible coa inxesta dalgún tipo de químico que lles anulase a vontade. "Consumo de alcol e algo máis", precisaron.
O Ministerio Público solicitaba para o home, en prisión provisional por esta causa desde maio de 2024, penas que sumaban 71 anos de prisión, unha petición que a acusación popular, exercida por SOS Racismo, elevou a 145 mentres a defensa reclamou a libre absolución.
Os feitos
Segundo o escrito fiscal, o acusado recrutou desde principios do ano 2023 a persoas para traballar nun futuro club de alterne en Ordes (A Coruña), en concreto, captábaas a través de anuncios para realizar labores de limpeza, entre outras funcións.
Ademais, a Fiscalía argumentou no seu escrito que tratou de convencelas nalgúns casos para exercer a prostitución. Con todo, sostén, "o propósito era manter relacións sexuais con elas".
Para iso, desde finais de marzo de 2023, contaba cunha substancia que, mesturada con alcol, "xeraba desorientación, perda parcial e/ou total de conciencia e adormecemento de todos os membros".