Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arrinca o Festival Internacional de Xardíns de Allariz

Arrinca o Festival Internacional de Xardíns de Allariz

A temática desta décimo terceira edición é a volta ao mundo en once xardíns

Ata Allariz desprazáronse algúns dos deseñadores, que nos explicaron en primeira persoa o proceso creativo

G24.gal 13/05/2023 21:25 Última actualización 13/05/2023 21:55

Os cinco continentes en 37 mil metros cadrados. O festival deste ano permítenos pasear polos xardíns granadinos do Xeneralife: "Fíxose cunha arquitectura moi branca, con material efémero. Eu quería traer un cachiño do mundo árabe a Galicia", explica Luis Martín, o arquitecto deste xardín.

Tamén podemos visitar un tatami xaponés que evoca a paisaxe volcánica do monte Fuji, ou trasladarnos ao xerme mesmo do planeta, cando a terra se concentraba nun único continente: "Empeza co concepto de todos os continentes unidos na Panxea, que co tempo se van dividir", comenta Letizia, do equipo deseñador.

A volta ao mundo en once xardíns é a proposta desta décimo terceira edición. Na última, a do ano pasado, visitaron o espazo preto de corenta mil persoas.

Francisco Caldeira Cabral, presidente do xurado do festival: "Amósalles como un xardín pode ser concibido de formas diferentes, con materiais, plantas e unha concepción dos espazos distinta ao que a xente está afeita".

O carácter internacional este ano póñeno tres propostas: unha polaca, outra colombiana e a de México, un xardín na procura da paisaxe perdida, concibido para un público observador: "Cada recuncho deste xardín representa un continente, pero ten símbolos ocultos. Está pensado para xente que non só ve, á que lle gusta observar", di Isaac, membro do equipo mexicano.

Ata outubro permanecerá aberto o festival, que xa se converteu nun dos principais atractivos turísticos da vila.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade