Arrinca en Ferrol o Salón Profesional do Viño FEVINO
Neste ano Xacobeo os viños do Camiño son protagonistas
A feira percorrerá Ferrol, Betanzos e Santiago con catas de especialistas e mostras das adegas
A peregrinación de Fevino parte de Ferrol, hoxe convertido nun enorme escaparate de viños atlánticos.
"Temos viños das cinco denominacións de orixe e un túnel con 50 marcas diferentes e tamén augardentes e vermús da terra" di o director do salón, Fernando Yáñez.
Polo Camiño Inglés este salón viaxará a Betanzos, cuna da branca lexítima, un tesouro que están a recuperar 5 adegas da zona. Os produtores din que é unha caste única e pura, posiblemente a máis antiga de Galicia, moi aromática e diferente ás outras brancas do país.
As 90 adegas do salón teñen este ano un embaixador de película. Bebe mosto nas rodaxes, pero descansa con viño do país.
"É un inmellorable compañeiro de camiño", di o actor ferrolán Javier Gutiérrez".
Compartiu escenario cos Gardiáns do Viño, persoeiros que deron fama mundial aos nosos brancos e aventuran un gran futuro para os tintos.
"En tempos de cambio climático buscamos tintos frescos, e así son os vosos tintos, frescos, case sempre sen barrica, refrescantes pero serios", explica Sara Jane Evans, gardiá do viño e máster of wine.
A peregrinación de Fevino rematará o 15 de xuño en Compostela. Unha cita en que se xuntarán todas as denominacións de orixe polas que atravesa a milenaria ruta.