Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arrinca a 30 edición do Ourense Film Festival, con catro películas de estrea internacional

Arrinca a 30 edición do Ourense Film Festival, con catro películas de estrea internacional

Proxectaranse tres películas de coprodución palestina na sección de cinema árabe 'Amal en ruta'

G24.gal 26/09/2025 08:36

Comeza en Ourense a 30 edición do Film Festival (OUFF), que se celebra na cidade ata o vindeiro domingo. Nesta ocasión contará con once seccións, tres de pago (catro euros) e o resto gratuítas, e proxectaranse catro películas de estrea internacional.

O festival arrinca coa proxección no Auditorio Municipal de Ourense ás 20:00 horas de 'Playa de Lobos', dirixida por Javier Veiga e botará o peche o domingo coa gala de clausura e a entrega de premios no Teatro Principal, a partir das 17:00 horas.

As seccións estrela do festival

Entre as seccións destacadas atópanse a 'Oficial Internacional', que inclúe 12 películas que "abordarán moitas temáticas" como "os malos tratos, a violencia, a inmigración ou o amor" desde "un prisma distinto", pola súa orixe e creadores, con "dúas primicias internacionais" e "dúas estreas nacionais", segundo Alberto González, programador do festival.

Na 'Sección Oficial Panorama Galicia' a través do voto do público seleccionaranse entre 10 películas de directores como Paula Cons, Lois Patiño ou Paula Veleiro. Ademais asistiremos á estrea internacional das películas 'Lola', de Antón Caeiro, e 'Serê Kaniyê', de Olmo Couto.

A sección 'Inédito en Ourense' este ano leva o subtítulo 'Sos Arxentina', co obxectivo de facer referencia á situación cultural do país debido ás decisións do presidente, Javier Milei.

Na 'Sección Oficial Curtametraxes' proxectaranse dúas producións arxentinas entre os 22 totais, seleccionadas de entre as 450 curtametraxes recibidos. A sección 'Made in OU' acolle a todos os creadores ourensáns para fomentar a creación de novos talentos.

O cinema palestino no OUFF

Ademais das anteriores, o festival inclúe o 'Ciclo Amal en ruta', dedicado ao cinema árabe, que incluirá cinco películas coproducidas por países europeos, das cales tres son de coprodución palestina, ou a sección 'Agarimo', na que se renderá homenaxe á actriz Angela Lansbury, coa proxección de tres das súas películas.

O festival contará tamén coa sección 'Colleita' que busca recuperar traballos de persoas relacionadas co festival, ou a sección 'Xeración OUFF', na que se revisarán sete Calpurnias á mellor película, entre elas, o filme francés 'Entre Nós', que estivo nomeada nos Globos de Ouro e representou a Francia nos Óscar do ano 2021.

Outras novidades

Entre as principais novidades, o festival puxo en marcha o Bonodez, un bono formado por dez ocos que se irán selando ata completarse, para que "aqueles espectadores que adquiran entrada" para a 'Sección Oficial Internacional', 'Sección Oficial Panorama Galicia' e 'Inédito en Ourense, Sos Arxentina', poidan conseguir unha entrada ao pase especial dunha película sorpresa o 10 de outubro, de preestrea nacional ou europeo.

Pola súa banda, na sección 'Faíscas', tres equipos de cinco persoas cada un desenvolverán unha curtametraxe durante o festival, que se proxectará o sábado 4 de outubro, co que se busca fomentar a convivencia audiovisual con equipos que terán que compartir espazo e experiencias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade