Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arriba en Baiona a Santa María, a nao da expedición de Colón que nunca puido volver a Europa

Arriba en Baiona a Santa María, a nao da expedición de Colón que nunca puido volver a Europa

Daquelas tres embarcacións que conformaron a expedición española do descubrimento de América en 1492 a única que non regresou foi a nao, que non carabela, Santa María

Os tripulantes da nao Santa María contan que lles resulta emocionante e romántico atracar preto da súa irmá de expedición, a Pinta, que foi a que trouxo as noticias a Baiona de que existía un novo mundo 

G24.gal 11/05/2025 16:44

A réplica da nao Santa María, a irmá maior de expedición da carabela Pinta, está amarrada en Baiona por primeira vez na súa historia. O público da vila onde chegaron as novas da descuberta de América pode gozar esta fin de semana dun paseo pola historia do século quince. 

Daquelas tres embarcacións que conformaron a expedición española do descubrimento de América en 1492 a única que non regresou foi a nao, que non carabela, Santa María. Quedou embarrancada na Illa España. Nela ía Cristovo Colón e non hai discusión de que era a nave capitá. Leccións de historia do século XV como esta é a que poden recibir as persoas que se acheguen a visitar esta réplica da Santa María.

Os seus tripulantes, que hoxe aproveitaron par facer labores de mantemento porque a afluencia de turistas coa chuvia foi escasa, cóntannos que lles resulta emocionante atracar a poucos metros da súa irmá de expedición, a Pinta, que foi a que finalmente en febreiro de 1493 trouxo as noticias de que existía un novo mundo.  

A nao Santa María levaba a cincuenta tripulantes, moitos parias da sociedade, ás ordes de Cristóbal Colón. Nunca volveu a España. Hoxe a súa réplica está aberta ao público en Baiona. Ten quince tripulantes e non está lonxe da réplica da Pinta, a carabela de Pinzón que vive permanentemente no porto da vila galega.  

"Foi o porto ao que a nao Santa María nunca chegou. Ao que nunca puido chegar. É curioso, e bonito, e romántico de algunha maneira o poder estar aquí en Baiona que foi o primeiro porto que tivo coñecemento da existencia dun novo mundo", conta á TVG Rodrigo Boj, o capitán da nao Santa María.

"Unha festa. Eu quero imaxinar cando chegou ese home a este porto de Baiona e relatou, para empezar, que a Terra é redonda, como sospeitabamos, e que atopamos novos cultivos e indíxenas noutros lugares", explica Desiré González, a directora da xira da Nao Santa María. 

Á mañá cedo, o día desapracible e chuvioso afasta as visitas do público, pero permite aos tripulantes, quince, facer o mantemento do barco con tranquilidade. Segundo foi abrindo o día os amantes da navegación e da historia comezaron a visitar a réplica da Santa María. 

"Cando cheguei e vin o barco este pensei: ti non vexas para cruzar o Atlántico nas condicións que había antigamente. Tería que ser moi 'chungo', porque o Atlántico é un mar bastante movidiño", engade Rubén Parro, alumno de máquinas na nao Santa María.

O luns esta nao navegará cara a Inglaterra, cara a Jersey, para completar a súa xira turística europea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade