Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arranca o xuízo polo crime de Yoel Quispe coa selección do xurado popular

Arranca o xuízo polo crime de Yoel Quispe coa selección do xurado popular

No banco dos acusados senta o autor confeso da coitelada mortal e dous mozos máis aos que a acuasión particular considera cooperador necesario e cómplice

A Fiscalía pide 14 anos de cadea para o investigado pola morte de Yoel Quispe por un delito de homicidio

M. Dylan/Europa Press
G24.gal 01/06/2026 13:57 Última actualización 01/06/2026 14:42

Este luns arrancou o xuízo polo crime de Yoel Quispe coa selección do xurado popular que deberá determinar a implicación de cada un dos tres procesados que sentan no banco dos acusados.

Do que non hai dúbidas é de quen foi o autor material da morte do mozo de orixe peruana, de 22 anos, porque el mesmo escribiu unha carta confesando os feitos que enviou desde o cárcere á familia da vítima.

"Antes diso el xa manifestou que era o autor desa coitelada e despois mandou unha carta. Agora hai que convencer o xurado de que isto non é un homicidio, senón que é un asasinato", explica Adrián Borrajo, avogado da acusación particular.

É o que defende a familia desde o primeiro momento: que os tres mozos sexan investigados por un delito de asasinato. Piden para dous deles 25 anos de cadea e para un terceiro, que a acusación particular cualifica como cómplice, 15 anos de prisión.

"Un deles é cooperador necesario e responde coa mesma pena porque foi quen lle facilitou esa arma voluntariamente co fin de utilizala  para quitarlle a vida a Yoel esa noite. O outro, indicamos que é cómplice por agochar ou desfacerse desa navalla que, a día de hoxe, non apareceu".

As defensas solicitan a libre absolución.

"O Ministerio Fiscal non formula acusación respecto ao meu cliente e solicita sobresemento e arquivo da causa. Consideramos que non hai ningunha proba de que o meu cliente fose encubridor do delito", manifestou Yolanda García Traba, avogada do presunto encubridor.

A Fiscalía tan só acusa ao mozo que é investigado por matar a Yoel Quispe e pide para el unha pena de 14 anos de cárcere por un delito de homicidio.

Este martes comezarán a declarar as testemuñas, Está previsto que o xoves faga o propio a nai de Yoel Quispe e que os tres acusados dean a súa versión dos feitos no último lugar, o xoves 11 de xuño.

"Non foi homicidio, foi asasinato"

Familiares e amigos de Yoel Quispe reclamaron xustiza este luns ás portas da Audiencia Provincial da Coruña, coincidindo co inicio do xuízo pola súa morte. Berros que piden xustiza, entre eles os da nai de Yoel, que declinou facer declaracións ata que as dea en sede xudicial. Agardan e reclaman que o xuízo esclareza os feitos e depure resposnsabilidades. 

​​​​Levan pedindo xustiza desque se cometera o crime. Loitando para que o caso non se tipificase como homicidio e para que xulguen por asasinato non só o principal acusado, senón os tres procesados.

Os feitos aconteceron en 2023. Contra contra as seis e media da mañá do 24 de decembro, segundo o relato da fiscalía, un grupo de mozos e Yoel Quispe, de 22 anos e que nese momento estaba só, comezaron a enlearse por motivos que non foron aclarados. Pouco despois apareceron outros tres mozos que, inicialmente, intentaron mediar e poñer paz. Porén acabaron enfrontándose a Yoel e, nun momento dado, un deles colleu unha navalla e acoitelouno no abdome e no corazón. Morreu practicamente no acto. 

A navalla nunca apareceu. As cámaras de seguridade dun local gravaron pouco despois os tres mozos tomando unha cervexa. Hoxe sentan no banco dos acusados. 

Os outros dous mozos que agrediron a Yoel antes da pelexa mortal foron condenados o pasado mes de abril. Aceptaron nove meses de prisión e pagar 1.500 euros en concepto de responsabilidade civil.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade