Arranca con boas capturas a campaña do ourizo en Aguiño
Arranca con boas capturas a campaña do ourizo en Aguiño
Os mariscadores consideran razoables os prezos dos primeiros días, pero agardan que melloren
Para garantir o futuro do recurso, os mariñeiros déixano medrar ata os 6 centímetros, malia que se pode comercializar con 5,5
Comezaron a extraer ourizo o martes, e queda aínda moita campaña por diante, pero nestes primeiros días de mar calmo os mariñeiros colleron sen problema a súa cota máxima de 25 quilos por mergullador.
Nas primeiras poxas, o prezo medio foi de 7 euros e medio o quilo, unha cotización que cualifican como aceptable, pero aínda inferior á media do ano pasado, fixada en algo máis de 9 euros quilo. Porque o ourizo revalorizouse moito nos últimos anos e xa é un recurso estratéxico para moitas confrarías, como a de Aguiño, a maior produtora de Galicia.
O ano pasado vendeu o 12 % das capturas de ourizo de toda Galicia. Estes primeiros días da nova temporada, segundo os mariscadores, tamén están indo ben.
"Estamos sacando cada día 2.500 quilos nós sós, aquí en Aguiño. É bastante recurso o que quitamos. Hai menos, pero tamén vemos que hai bastante fixación, que hai ourizo pequeno e ourizo mediano", di José Antonio Santamaría, patrón maior do Carreiro e Aguiño.
"O mar está calmo, e os días así cóllese ben, con facilidade", aclara Manuel Ángel Reiriz González, presidente da agrupación de mariscadores de Aguiño A campaña remata o 30 de abril e ata entón cada embarcación pode elixir 40 xornadas para pescar.
Son 74 barcos, con tres mergulladores cada un, e ata o de agora colleron os 25 quilos de ourizo por cabeza que teñen como cota. O prezo tampouco vai mal, pero agardan que mellore.
"Leva unha media de 7,40 ou 50. E unha boa media, porque non baixa de aí. Que podia ser mellor, claro. Estamos acostumados a que nos últimos anos se cotice máis", di o patrón maior.
"Eu penso que cando pase máis tempo e cheguen as conserveiras, e sabendo como está o produto vai subir algo", engade Reiriz.
O ourizo é unha especie de crecemento lento, tarda entre tres e catro anos en acadar os 5,5 centímetros de tamaño comercial establecidos pola Xunta. Os mariñeiros do Barbanza déixanos ata os 6 centímetros para garantir a conservación do recurso.