Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arranca a Semana Verde de Silleda coas mellores cifras en 16 anos

Arranca a Semana Verde de Silleda coas mellores cifras en 16 anos

700 empresas están presentes nunha feira e ata o domingo hai programadas máis de 200 actividades

G24.gal 08/06/2023 14:52

Máis de 700 empresas apostaron por estar presentes nunha feira multisectorial que medra como espazo de negocio. Aquí, importadores e distribuidores aproveitan as bolsas de contratación, máis internacionais ca nunca. Abrindo novas oportunidades na alimentación e no turismo.

O director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, explica que "estes dous primeiros días son profesionais. Temos 29 compradores internacionais de dezanove países na parte de alimentación, 32 touroperadores de 12 países na parte de turismo".

Nesas mesas están hoteis, casas de turismo rural, adegas... A visita lévanos de Turexpo, o salón do turismo, a Salimat, o da gastronomía, con produtos tradicionais canda os máis innovadores.

Hai de aquí e de fóra. Un paté de porco celta con uva de treixadura e mel con Indicación Xeográfica Protexida, que pon en valor a economía de proximidade e o valor ecolóxico. Ou o chocolate con anchoas de Cantabria, que recibiu un premio ao mellor chocolate artesán europeo.

Gandería, bioenerxía, maquinaria, mobiliario e artesanía... tamén están presentes na feira.

Na inauguración, o vicepresidente segundo e conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacaba a importancia de que "os coñezan mesmo dentro de Galicia aqueles que non tiveron oportunidade pero que tamén os coñezan doutras partes de España que se achegan. Operadores internacionais que veñen a ver a oferta turística, a oferta de moitos produtos do mar, do medio rural e doutros produtos galegos".

Ata o domingo hai programadas máis de 200 actividades: cociña en vivo, animación infantil, catas ou motocrós que invitan a achegarse ao recinto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade