Arranca a campaña de marisqueo en Noia logo das incertezas polos atrasos nas análises
A presenza de toxina na ría de Muros-Noia atrasou a apertura case un mes
Os mariscadores e mariscadoras tiveron que esperar no peirao os resultados negativos
Despois de tres horas esperando no peirao de Testal, arredor de 1.500 mariscadores e mariscadoras podían ir ao mar, ao chegarlles os resultados da segunda análise negativa da toxina paralizante.
Foi unha espera tensa, xa que o inicio da campaña foise atrasando e os gastos foron acumulándose e os mariscadores e mariscadoras estaban ansiosos por saír ao mar.
"Houbo malentendidos co Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, (Intecmar), que daba os resultados onte a tarde hoxe a mañá pero, todo saíu ben. Creo que hai que mellorar un pouquiño os comunicados, e se tarda máis o resultado da toxina paralizante, dicir que tarda máis. Non podemos ter a xente concentrada onte aquí para despois dicir que o resultado a dan a noite ou hoxe a mañá", di Santiago Cruz, patrón maior da confraría de Noia.
A espera foi longa e tensa. Despois de varios días pendentes dos resultados. Perden máis de 200 euros diarios. E din que non se recuperan, porque a partir de novembro o marisco mingua. E cada día que pasa perden cartos.
"Eu perdo de 400 euros a 500. E despois os seguros, así está a cousa cada vez peor"; "E para empeorar a situación, convócannos para saír ao mar e as análises non están cando as dan dun día para outro, vir para non ir, e hoxe o mesmo. Estamos pagando a seguridade social non hai ningún tipo de aprazamento e a xente ten que comer"; "Estamos aquí esperando desde as nove da mañá para uns resultados que veñen do Intecmar, da Xunta, son as dez e estamos aínda esperando, aquí ninguén dá sinais de se se pode ir ao mar ou non"; "Non hai resposta da consellería non hai resposta da confraría e aquí estamos a xente esperando a velas vir".
Agora so queda que os prezos respondan, porque hai boa calidade de marisco e cantidade sobre todo de berberecho e ameixa babosa.