Publicador de contidos

Publicador de contidos

Armón prevé completar no mes de xuño a operación de compravenda de Barreras

Armón prevé completar no mes de xuño a operación de compravenda de Barreras

O director de Armón Vigo anuncia que o venres que vén empezará o cortado de chapa para o novo oceanográfico do IEO

Santiago Martín asegura que as contratacións aumentarán conforme haxa carga de traballo

 

G24.gal 21/05/2022 10:40 Última actualización 21/05/2022 11:37

O director de Armón Vigo, Santiago Martín, asegura na Radio Galega que prevén ter rematada a operación de compravenda de Barreras no mes de xuño. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Martín condicionaba a previsión a que a administración concursal así o permita. 

"Nós estamos empezando a traballar, pero queda todo en mans da autoridade xudicial. Pensamos que durante o mes de xuño sexamos quen de estar traballando. Dependerá un pouco do que decida a administración concursal". 

O director de Armón Vigo tamén avanzou que o venres que vén contan con empezar a "cortar chapa" dun dos catro buques oceanográficos que teñen encargados, en concreto o do Instituto Español de Oceanografía -IEO-. Un barco que segundo destacou, será "referencia mundial" porque será o "primeiro do mundo polar, con dúas liñas de eixes e baixa emisións de gases". Contan que os traballos deste buque se fagan tamén en parte nas gradas de Barreras. 

"A idea é empezar o corte do novo oceanográfico, que vai ser referencia mundial, o venres. A construción do barco faise por bloques. Moitos realizarémolos nas instalacións existentes e moitos realizarémolos nas novas instalacións de Barreras".  

Respecto ao cadro de persoal, Santiago Martín di entender e "empatizar" coas protestas dos traballadores de Barreras, xa que a oferta de Armón contempla só quedar con vinte operarios. Con todo asegura que "vai depender do mercado". Na conversa afirmou que "coa carga de traballo que temos esperamos elevar a cantidade" e falou duns "500 traballadores o ano que vén" só en postos directos. Ao que engadiu que o "tirón sobre a industria non directa" tamén "será importante"

Publicidade
Publicidade
Publicidade