Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arden 18 hectáreas no monte de Padróns, que xa ardera en 2017

Arden 18 hectáreas no monte de Padróns, que xa ardera en 2017

Maquinaria pesada, cinco brigadas, catro motobombas e catro axentes medioambientais e forestais traballaron durante toda a madrugada no lugar do Castro

A pesar de non haber vento, os brigadistas consideran que foi un lume complicado de atallar polo difícil acceso nalgunhas zonas do monte 

G24.gal 31/07/2022 20:14

A xeografía deste lume da parroquia de Padróns, en Ponteareas, coincide co que contan as primeiras testemuñas, as dos veciños das tres vivendas da Gateira.

O lume principiou na olleira de Alén, a cincocentos metros das súas vivendas. Alertaron o 085 ás once da noite.

"Viñemos do incendio de Arbo, onde estabamos traballando, e cando puidemos coller algo de aire, saltou este sobre as doce da noite e viñemos para aquí", conta Manuel Ogando, un dos axentes medioambentais que estivo no lume de Padróns.

"Non foi un lume fácil. Houbo que buscar accesos en zonas que eran moi complicadas, E traballamos con maquinaria pesada abrindo algún acceso. O que non houbo foi moito vento durante a noite", explica Ezequiel Fernández, outro dos axentes forestais do operativo.

Arderon arredor das dezaoito hectáreas, maiormente de monte raso, eucaliptos e en menor medida piñeiros. Durante a noite traballaron cinco brigadas forestais, catro motobombas e catro axentes medioambientais.

Durante a xornada do domingo a maquinaria pesada fixo un gran suco arredor do perímetro do incendio e os homes mollaron a terra para extinguir definitivamente o lume. 

"Hai que estar botando auga todo o tempo, arrefriando, porque pode volver arder o ardido, porque ardeu de noite e consumiu pouco; entón volve arder de día ca calor", precisa Manuel Ogando, axente medioambiental.

"Está claro que sempre acontece igual. En canto hai un foco importante de lume onde están involucrados todos os efectivos da comarca, e incluso da provincia, xorden outros focos en distintas zonas da contorna", puntualiza Cristina Fernández Davila, a alcaldesa de Ponteareas.

Nos incendios que afectan ao Condado Paradanta este xullo de 2022 ve a alcaldesa de Ponteareas similitudes coa vaga de incendios de outubro de 2017.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade