Arde un bar de Monforte e obriga a que veciños do edifico superior desaloxen as súas casas
Tras a extinción do lume, os efectivos de emerxencia ventilaron as zonas comúns do inmoble antes de permitir regresar aos residentes

Os bombeiros de Monforte tiveron que sufocar un incendio rexistrado no almacén dun bar. Ardeu parte do material almacenado no inmoble. O lume tamén provocou unha enorme columna de fume que obrigou a desaloxar os veciños do edificio superior, de seis andares.
Ocorreu contra as 20:30 horas deste domingo. Foron os propios veciños os que abandonaron as vivendas ao decatarse do que ocorría, e xa non foi necesario que os servizos de emerxencia realizasen o desaloxo.
Os medios de extinción lograron apagar as lapas rapidamente, pero os traballos prolongáronse porque foi preciso ventilar todo o edificio ata comprobar que a calidade do aire era segura.
En canto ao incendio, o lume queimou o material que o propietario do bar gardaba no almacén, así como un contedor de lixo e outras pertenzas.