Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arde un alpendre en Muxía e atenden o seu dono por inhalación de fume

Arde un alpendre en Muxía e atenden o seu dono por inhalación de fume

O incendio arrasou un colector metálico que usaban como almacén, no lugar dos Muíños

Bombeiros do parque de Cee extinguiron o incendio (cedida)
G24.gal 17/11/2025 14:13

As lapas e o fume, visibles a distancia, alertaron os veciños dos Muíños, en Muxía. Xa caera a noite, eran as sete da tarde, e ardía un almacén no lugar. A alarma dérona os propios donos, e mobilizáronse Policía Local, Protección Civil e bombeiros do parque de Cee. Ao chegar, comprobaron que había varias construcións afectadas.

"Ao chegar vimos que estaba ardendo un colector metálico e varios almacéns anexos", relata Manel Blanco, policía local. "Había moito material combustible, moita maquinaria, algún vehículo a motor e incluso madeira, entón custounos xa baixar a temperatura do propio incendio", explica.

Policía e bombeiros calculan que lles levou cousa de dúas horas chegar a extinguir o lume. Tamén interviron sanitarios do 061: parece que o dono do alpendre, coa idea de salvar a maquinaria, tentou sufocar o lume e tragou cantidade de fume. O home, de 62 anos, foi trasladado o hospital Virxe da Xunqueira en Cee, onde recibía a alta horas despois.

O incendio non provocou entón danos persoais que lamentar e, tamén por sorte, nesta época o lume non se estendeu polo monte. 

"O almacén está en zona forestal pero neste mes levamos moita chuvia, así que non había ese perigo directo de que se puidera propagar o incendio -explica Manel Blanco-. Tampouco hai vivendas anexas, está a dos propietarios pero está separada, así que non había perigo de que se propagara a outras zonas".

Iso si, os danos materiais prevense elevados. Iso pensa José Blanco, un veciño, que explica que no almacén gardaban "moita cousa, e ardeu todo". "Tiñan unha segadora, unha rozadoira, unha máquina para subir cargas polo monte, unha moto...", enumera.

Di que os alpendres non tiñan corrente eléctrica, e non se sabe que puido orixinar o lume. Pensan se puido iniciarse nunha batería, pero aínda está aberta a investigación da Garda Civil para esclarecer o sucedido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade