Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aproba o 96,25% dos estudantes que fixeron a PAU en Galicia

Aproba o 96,25% dos estudantes que fixeron a PAU en Galicia

Superaron a proba 11.102 dos 11.534 estudantes que participaron na fase xeral

As cualificacións oficiais publicaranse o 18 de xuño e a convocatoria extraordinaria celebrarase os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo

Álvaro Ballesteros / Europa Press Álvaro Ballesteros / Europa Press
G24.gal 11/06/2026 17:27 Última actualización 11/06/2026 17:45

O 96,25% dos alumnos que a semana pasada realizaron en Galicia os exames da Proba de Acceso á Universidade (PAU) conseguiu aprobala.

Segundo os datos ofrecidos este xoves pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), superaron a proba 11.102 dos 11.534 estudantes que participaron na fase xeral.

Así, e malia as incidencias rexistradas este ano nos exames, a porcentaxe de aprobados variou respecto ao ano pasado (95,58%) e superou tamén a de hai dous anos (96,02%).

Os aspirantes poden consultar as súas cualificacións a través da aplicación Nerta, e será desde este venres 12 de xuño ata o 16 de xuño cando os alumnos poidan solicitar a revisión das probas se non están de acordo coas cualificacións.

A PAU estivo marcada por varias polémicas este ano

A CIUG admitiu que no exame de Debuxo Técnico houbo dous erros nos enunciados da proba.

Un deles no apartado 2.1 da versión en galego, onde había unha frase ao inicio do enunciado que non debía estar, mentres que o segundo erro foi a inclusión dunha proxección horizontal adicional (A1) no apartado 3.1.

Tras a detección de tres incidencias nese exame, a comisión organizadora deu a orde de ampliar en 30 minutos o tempo para a realización da proba.

Pola súa banda, na proba de Historia de España o problema xurdiu por unha das preguntas incluídas no bloque II, en que se pedía unha comparación entre as características do socialismo e do anarquismo na segunda metade do século XIX.

Con todo, a CIUG publicou esta semana os criterios definitivos para a corrección das materias de Historia de España e Debuxo Técnico II. No que respecta á materia de Historia de España, as novas instrucións garanten que o alumnado poida optar á máxima puntuación na pregunta do bloque II relativa ao socialismo e ao anarquismo, independentemente de se seguiu o formato comparativo esixido inicialmente.

De forma paralela, a CIUG emitiu o martes unha táboa de baremación detallada para a materia de Debuxo Técnico, en que se desagregan as puntuacións para exercicios de isometría, tanxencias e proxeccións, entre outros, cun máximo de 2,25 puntos por bloque e un punto adicional reservado especificamente para a presentación, limpeza e nomenclatura.

Convocatoria extraordinaria a partir do 30 de xuño

Finalmente, será o próximo 18 de xuño cando se publiquen as cualificacións oficiais, unha vez resoltas as reclamacións solicitadas polo alumnado.

A continuación, a convocatoria extraordinaria da PAU en Galicia celebrarase os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo, e o prazo de matrícula para presentarse a estes exames comezará o 12 de xuño, un día despois de coñecerse os resultados da convocatoria ordinaria.

Neste caso, as notas publicaranse o 9 de xullo e o prazo de solicitude de revisión será do 10 ao 14 dese mesmo mes. A publicación das notas definitivas será o 17 de xullo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade