Morre calcinado un home de 75 anos na Estrada
Morre calcinado un home de 75 anos na Estrada
Atopárono os efectivos que sufocaban un incendio en Santa Cristina de Vea
O servizo de extinción de incendios achou este martes o cadáver dun home de 75 anos na Estrada mentres traballaban para extinguir un incendio forestal.
O suceso rexistrouse minutos despois das dúas da tarde nunha parcela na parroquia de Santa Cristina de Vea.
Foi un particular o que alertou ás autoridades tras detectar o fume que saía desta parcela.
Ata o lugar acudiron membros do servizo de extinción de incendios de Medio Rural, que deron por controlado o incendio unha hora despois.
No medio dos labores de extinción, os integrantes das brigadas acharon o corpo sen vida da vítima que, segundo fontes da investigación, é o do dono do terreo e veciño do concello.
A Garda Civil fíxose cargo da investigación deste suceso, que tratará de aclarar en primeiro lugar se a morte deste home se produciu polo incendio ou por outras causas.
No operativo despregado na Estrada participaron tamén persoal sanitario de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e da Policía Local da Estrada.