Arde un pendello abandonado na antiga parcela do Adif en Ourense nun aparatoso incendio
O lume comezo á noitiña nunha construción abandonada que é frecuentada por toxicómanos e persoas sen fogar
Os veciños do edificio próximo pídenlle ao Adif a limpeza da parcela e máis vixilancia policial na zona porque, din, os incidentes son constantes
A columna de fume era visible onte á noitiña dende boa parte da cidade de Ourense. A súa orixe estaba nas lapas que prenderon nun vello pendello ubicado dentro da antiga parcela que o Adif ten detrás da rúa Río Arnoia, por detrás da estación de tren.
Un veciño que reside no primeiro andar do edificio próximo, situado a escasos cinco metros do lugar, gravou o incendio e avisou ao 112. Deu aviso por lume no pendello e tamén forestal, porque as lapas prenderon nas canas e na maleza que cobre toda a parcela.
"Onte a noite había aí dúas persoas. Vese que puideron deixar unha cabicha acendida que logo derivou no incendio", comenta José Manuel Viso, o veciño que gravou as imaxes do lume e que é presidente da comunidade de veciños do edificio.
Todos os efectivos dispoñibles do parque de bombeiros de Ourense acudiron a sufocar o lume. Tiveron que empregar abundante escuma para arrefriar a zona e evitar que reavivasen as lapas. Roupa, colchóns e lixo amoreado foron o combustible do incendio que alcanzou maior dimensión cando prendeu na maleza que circunda o pendenllo.
Os residentes pídenlle ao Adif que limpe toda a parcela, que acondicione o lugar, frecuentado por indixentes, toxicómanos e persoas sen fogar. Denuncian que acotío se producen incidentes entre eles, con liortas e actos vandálicos. Por iso reclaman tamén unha maior vixilancia policial no barrio.