Publicador de contidos

Publicador de contidos

Antonio Piña: "Unha viaxe programada pode escusar a presenza na mesa electoral"

Antonio Piña: "Unha viaxe programada pode escusar a presenza na mesa electoral"

Segundo o presidente da Audiencia de Ourense, ten que responder a un gasto inaprazable e estar ben documentada

O maxistrado considera difícil que acepten como pretexto o alugamento vacacional dunha vivenda noutra zona

G24.gal 04/06/2023 12:07 Última actualización 04/06/2023 16:49

Unha viaxe programada con anterioridade á data da convocatoria das eleccións podería servir de pretexto para escusar a nosa presenza nunha mesa electoral, pero todo depende da decisión das xuntas locais.

Segundo o presidente da Audiencia Provincial de Ourense, Antonio Piña, ten que responder a un gasto inaprazable, de carácter importante. Por iso, insiste na importancia de reunir toda a documentación axeitada para poder acreditalo.

"Este é un motivo que corresponde ás xuntas electorais locais decidir se serve de escusa ou non. É un motivo aleatorio, discrecional, posto que a lei non o tipifica como tal. Entón eu recoméndolle á xente que ten este problema que documente ben a viaxe, que o mercou con data previa á convocatoria das eleccións e que non pode cancelalo".

Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, lembra que estamos ante unha obriga legal polo que "é moi difícil facer excepcións". Porén, asegura que as xuntas electorais adoitan adoptar un criterio favorable porque non pretenden prexudicar a cidadanía.

"As xuntas adoitan adoptar un criterio favorable a acoller escusas que estean xustificadas e supoñan un prexuízo claro e notorio para o propio cidadán. Non hai un catálogo estrito, pero si uns criterios favorables a ese tipo de escusas ou posibilidades de exención, sempre dentro desa obriga que temos de cumprir co deber cívico de estar nas mesas electorais".

Segundo o maxistrado, ás veces é moi difícil recuperar os cartos dunha viaxe programada "e iso tense en conta". 

"Eu digo que a xente que teña unha xustificación razoable e forte que presente a escusa, que a documente, que o criterio dos membros da xunta, que son xuíces, sempre é equitativo, e non pretende fastidiar o cidadán".

O que considera máis difícil é que acepten como escusa ter alugado para as vacacións unha vivenda noutra zona. O sorteo dos concellos para elixir as mesas celebrarase entre o 26 e o 28 de xuño.

"Logo temos un período de sete días para presentar a correspondente escusa. É preciso que se documente, non basta a consideración, hai que presentar unha mínima documentación".

Para estes comicios xerais augura unha chea de alegacións "porque é unha data moi mala", sobre todo en Galicia, onde case coincide co 25 de xullo. Anima a documentar convenientemente cada caso, pero advirte das consecuencias de non presentarse sen xustificación.

"Se non nos presentamos estamos suxeitos a un proceso penal cunha pena dende tres meses a un ano de prisión, ademais dunha multa. Non é unha cousa leve".

Pensa que a obrigatoriedade do sistema garante a independencia do proceso. Pola contra, considera que a participación voluntaria nas mesas "daría lugar a moitas sospeitas de imparcialidade".

Entrevista completa no Bos Días
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade